Nota de Prensa
O GPPP asegura que a modificación da RPT da Deputación é “clientelar e caciquil”
* Barcia: “a dez meses das eleccións, queren blindar a determinadas persoas, será para pagar favores?”
* A reforma acometeuse con alevosia, aproveitando que a meirande parte dos traballadores estaban de vacacions, tentando asi que pasase desapercibida
Lugo, a 31 de xullo de 2010.- O Grupo provincial do Partido Popular asegurou a modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) da Deputación aprobada no pleno do pasado martes resulta en boa media “clientelar e caciquil”, dado que se circunscribe a determinados postos de traballo e áreas da administración provincial e esquécese dos técnicos. Promove, ademais, o desenvolvemento da carreira administra con carácter horizontal que é claramente discriminatorio, xa que pexudica de xeito notorio ós auxiliares administrativos.
O voceiro adxunto dos populares, José María González Barcia, considera que “a dez meses das eleccións, a impresión que dá esta modificación é que se quere blindar a determinadas persoas e beneficiar a determinados postos de traballo para pagar favores ou servicios prestados”. Un dos motivos que avala esta sospeita é que non foron atendidas todas as propostas a este respecto que se realizaron por parte das distintas áreas e servicios.
Barcia asegurou que “a concentración de funcións no posto da secretaría-intervención xeral adxunta, a supresión do posto da vicesecretaría, o exceso de concentración de coordenacións na área de recursos humanos, a duplicidade de funcións en certos servicios, non se corresponden con criterios de racionalización da administración provincial. Máis ben todo o contrario, dá a impresión de que se quere concentrar poder de decisión en certos postos de traballo de forma que estes teñan máis control sobre o resto do funcionariado da Deputación”.
Para mostra un botón: o posto de Director do Inludes. Tanto os estatutos do Inludes coma a propia normativa estatal indican que ese posto debe ser cuberto por unha persoa do grupo A-1, con titulación universitaria superior, pero na modificación aprobada indícase que poderá ser director deste organismo unha persoa do grupo A-2. “Será que o Sr. Edrosa non é A-1?”, pregúntase Barcia.
Ademais, esta modificación non se tratou nos órganos de goberno colexiados do Inludes polo que a modificación “incumple doblemente a normativa vixente”.
Por elo, o voceiro adxunto do Grupo provincial popular calificou a modificación da RPT da Deputación de “cínica”. “Pretende xustificala cun suposto aforro pero resulta que se crean doce xefaturas de negociado ou similares”, apuntillou.
Algo que, para os populares, é cando menos “anómalo”, dado que na pretendida carreira profesional horizontal só se crean 16 postos de auxiliares ou administrativos expertos, e cunhas diferencias salariais máis que notorias: se evidentemente un auxiliar, C-2, sempre vai cobrar menos que un administrativo, C-1, non é lóxico que ós seis anos de antigüedade o incremento para o primeiro sexa do seis por cento sobre o seu soldo inicial e para o segundo tal incremento sexa de máis do oito por cento. Cousa que se agrava ó chegar ós vinte anos de servicio, xa que o incremento para o auxiliar será do 11 por cento fronte ó 18 do administrativo. “O lóxico sería que o incremento porcentual fose igual para os dous subgrupos”, engade Barcia.
O GPPP tamén critica que esta modificación chegara ó pleno da Deputación con “certa alevosía, con toda a premeditación, e tentando buscar a nocturnidade coa pretensión de que o asunto pase o máis desapercibido posible”, posto que boa parte do persoal está de vacacións.