Nota de prensa:
A Deputación esixe á Xunta a que non discrimine á provincia e execute de inmediato as obras do PEIM 2009
– O Pleno aprobará a proposta do equipo de goberno na que se explica que o Plan foi un fracaso en Lugo, xa que nas provincias de Pontevedra e Ourense está practicamente rematado no 100%, mentres que na luguesa o 64% das actuacións están sen realizar
– O PEIM está financiado polo Estado nun 75% e pola Xunta no 25% restante, “pero xa pasaron 2 anos e o goberno feijoniano aínda non executou practicamente ningunha. É un problema claro e unha fórmula habitual: non facelo, botarlle a culpa ós outros e frear os investimentos”
– A Xunta de Goberno aproba o acordo para a cesión das instalacións e do equipamento do parque de Barreiros ó Concello para que este o entregue ó Consorcio, así como poñer a disposición deste organismo a utilización das restantes infraestruturas construídas
O Pleno da Deputación aprobará mañá martes a proposta do equipo de goberno na que se insta á Xunta de Galicia a que proceda executar de inmediato as obras contempladas no PEIM 2009, “xa que pasaron dous anos e o goberno feijoniano aínda non executou practicamente ningunha”. O Plan está financiado polo Estado nun 75% e pola Xunta no 25% restante. Neste senso, Melchor Roel destacou que na provincia constituíu un verdadeiro fracaso. Nas de Pontevedra e Ourense non só está executado ou en vías de execución o 100% do Plan, senón que nos Concellos destas dúas provincias contempla máis obras que na de Lugo. A este respecto, o Deputado engadiu que “é un problema claro e unha fórmula habitual do Goberno da Xunta: non facelo, botarlle a culpa ós outros e frear os investimentos. Toda esta paralización de infraestruturas na provincia afecta á creación de emprego”.
A estas alturas, e a pesar de que os Alcaldes e incluso o organismo provincial alertou continuamente deste incumprimento, aínda hai 34 obras sen iniciar, de tal xeito que o 64% do PEIM non está concluído. A isto hai que engadir que non se realizou ningunha obra naqueles Concellos que non están gobernados polo Partido Popular. Con estes antecedentes, o equipo de goberno cre que unha situación semellante vai acontecer co programa de acceso á explotacións de vacún; un programa piloto que, supostamente, naceu para favorecer o desenvolvemento rural sostible para a mellora de camiños no rural. Neste caso, a Xunta colocou os carteis anunciadores das obras pero son moi poucas as que están rematadas. De feito, segundo os datos facilitados pola propia administración autonómica, a maior parte delas están en proceso de contratación.
Cesión de instalacións e equipamento para os parques
A Xunta de Goberno deste luns aprobou o acordo entre a Consellería de Presidencia, a Deputación e os Concellos nos que sitúan os parques de bombeiros, a través do cal se establece a cesión do edificio de Barreiros e do seu equipamento á entidade local para que esta, posteriormente, faga o mesmo, entregándoo ó Consorcio Provincial de Bombeiros. Asimesmo, nos caso dos de Sarria, Vilalba, Chantada e Viveiro, que foron construídos pola administración autonómica, aprobouse poñer a disposición do Consorcio a utilización das instalacións co obxectivo de proceder o máis axiña posible á prestación do servizo contra incendios na provincia.
Previamente, a Deputación xa cedeu a este organismo os 17 vehículos que foron adquiridos polo equipo de goberno provincial por valor de preto de 2,7 millóns de euros e os 5 comprados pola anterior Xunta en 2008, nos que investiu 970.000 euros. En total, cos 3 adquiridos recentemente polo Consorcio suman 20 vehículos, que se distribúen 4 por parque. Trátase do último paso para que os parques entren en funcionamento, tal e como está previsto, o 1 de maio, data na que tamén comezarán a traballar os 123 bombeiros que prestarán o seu servizo nos parques. Precisamente, o Presidente do organismo provincial, José Ramón Gómez Besteiro, e o Conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, entregarán mañá na Academia Galega de Seguridade Pública, situada na Estrada, os diplomas a estes profesionais que rematarán ese mesmo día a formación. “Deste xeito, a Deputación pon fin á situación de abandono que sufría Lugo ó non contar, a diferenza de todas as províncias galegas, cun servizo de extinción de incendios. Sáldase unha débeda histórica que tiña esta provincia e Lugo e os veciños van a estar seguros por primeira vez”, concluíu Melchor Roel.
Outros acordos da Xunta de Goberno
A Deputación executará novas actuacións en catro Concellos da provincia por valor de 784.596 euros. Son as seguintes:
– En FOZ, adxudicouse o acondicionamento de salas de exposición e cafetería do CENIMA, a instalación de “spa” na piscina municipal, o equipamento e infraestruturas de servizos básicos, mellora da rede viaria municipal mediante aglomerado, e a rede de abastecemento de augas pluviais da Avenida da Mariña, no treito de unión da rúa Xoán Montes coa Avenida de Cervantes. Estas actuacións inclúense dentro do convenio de 1 millón de euros do Plan Extraordinario de Obra Pública e suman 426.990 euros.
– En TABOADA, adxudicouse o condicionamento do acceso de Xián ás Neves por valor de 132.424 euros. Esta obra forma parte do Plan de Obras do canon deste Concello.
– Na PONTENOVA: a mellora da rede de saneamento e pavimentación en Sanxés: 72.529 euros.
– En NEGUEIRA DE MUÑIZ, a construción de pantaláns que permitirán o amarre en condicións de seguridade para pequenas embarcacións, tanto recreativas como de pesca, transporte, etc. Situaranse nas inmediacións da área recreativa da Virxe da Veiga, no encoro de Salime. Esta actuación ten un investimento de 149.653 euros.
Esta era unha prioridade que tiña este Concello, xa que no futuro tamén podería dar servizo a unha embarcación turística tipo catamarán, semellante ás empregadas nos Cañóns do Sil. A tipoloxía do pantalán que se construirá será de 1 módulo de aluminio flotante de 3 metros de anchura con laterais de 12 metros de longo. Será o sétimo pantalán que terá a Deputación, e que se engade ós dos Peares, Belesar pobo e Belesar presa, Os Robles, Portomarín e Doade.
Asimesmo, deuse o visto e prace a 3 contas xustificativas do Plan de Comunidades Veciñais de 2010. Suman un total de 31.593 euros, dos que a Deputación achega 23.695. Pertencen ós Concellos de Páramo, Baleira e Chantada.






















O Campo de Fútbol de As Valgas acolleu as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que pechou unha noite inesquecible.
Alí salientou o papel que desenvolve este evento no impulso dos produtos agroalimentarios de proximidade, ao tempo que favorece as canles curtas de comercialización. Destacou tamén a importancia deste mercado, considerado como un dos máis antigos da provincia de Lugo, xa que ofrece unha ampla mostra dos principais oficios de artesáns da Idade Media. Ademais, permite aos asistentes gozar de actividades variadas e degustar produtos agroalimentarios diversos.
A institución provincial colabora con ambas citas, organizadas pola Asociación Cultural Amigos da Liga Santaballesa, cunha achega económica de 4.000€. García Porto recalcou que “estes eventos son un exemplo de como a historia da emigración pode converterse nun atractivo turístico de calidade, capaz de atraer visitantes e de reforzar o orgullo de pertenza da veciñanza”.
O evento incluirá espicha, queimada, brujo con conjuro e sesión DJ. O prezo é de 50 euros por persoa, con reserva previa no 611 185 336 e prazas limitadas. A organización lembra que “el 12 de agosto cuando caiga la noche la celebración continúa en Los Olivos… la noche culminará con una queimada elaborada por el Brujo Gonzalo, seguida de una sesión DJ para poner el broche final a una jornada inolvidable”.
Baixo o título Memoria de mariñáns. Unha crónica da emigración da Mariña, o xornalista e investigador Martín Fernández Vizoso ofrecerá unha intervención centrada nas historias e vivencias dos emigrantes da comarca, ilustrando o fenómeno migratorio que marcou a vida de moitas familias ao longo do século XX. O evento inclúe tamén unha imaxe histórica de mariñáns retornados de América nos anos 30, que serve de fío visual para contextualizar esta realidade.
En total foron ofertadas preto de 80 prazas de surf, piragüismo e vela, destinadas a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 9 e os 15 anos. As escolas desenvolvéronse en diferentes quendas nos meses de xuño e xullo. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, subliñou “a importante participación da rapazada ribadense nas escolas deportivas de verán, que organizamos desde o Concello de Ribadeo coa axuda dos clubs que as impartiron. Queremos agradecer ás familias a confianza depositada nas nosas actividades, que lles serviron aos asistentes para practicar deporte na auga e para pasar uns días aprendendo e perfeccionando técnicas”.
No encontro mantido na sede da delegación territorial da Xunta en Lugo, no que tamén estivo o director territorial da Consellería, Marco Antonio Fernández Piñeiro. abordáronse liñas de cooperación para a mellora de Infraestruturas e de seguridade viaria, de interese para este municipio. O departamento que dirixe M. Allegue segue prestando apoio aos municipios para executar actuacións que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a reforzar a competitividade económica.



