Nota de prensa:
O CONCELLO DE CERVO TEN ACTUALMENTE EN MARCHA 10 OBRAS NO MUNICIPIO CUXO MONTANTE ECONÓMICO SUPERA OS 10,5 MILLÓNS DE EUROS
Os membros do Equipo de Goberno municipal acercáronse a Trasbar, A Senra, Cervo, San Ciprián, Río Cobo e Figueirido para ver como se están desenvolvendo estas actuacións
Cervo, 15 de abril de 2010.- No día de hoxe, membros do Equipo de goberno municipal acercáronse a ver de que xeito se están a desenvolver as dez obras que neste momento se están a executar neste concello. Dez obras que, segundo indicou o propio alcalde, Alfonso Villares, suman entre todas elas unha inversión total de 10,5 millóns de euros.
En concreto, os responsables municipais estiveron a comprobar as obras dos saneamentos dos núcleos de Trasbar e da Senra. En Cervo tamén inspeccionaron o desenvolvemento das obras de saneamento; así como os traballos da nova rede de abastecemento de auga para a capital do municipio. Posteriormente, desprazáronse ata San Ciprián para interesarse polas obras da nova Residencia-Centro de Día que se está a construír na zona da Veiga, viron tamén os traballos de despregamento da rede de fibra óptica que está a executar a compañía R e finalmente avaliaron os traballos da praza dos Campos “onde nestes días se procedeu a aglomerar as distintas rúas que circundan esta praza” sinalou o rexedor.
En Río Cobo os edís cervense supervisaron os traballos da rede de abastecemento de gas natural que se está a instalar neste núcleo unha vez remaran as obras en San Ciprián “e posteriormente proseguirán ata o núcleo de Cervo” avanzou o rexedor. En Figueirido comprobaron o inicio das obras de reparación do saneamento deste burgo e finalmente se interesaron polos traballos que o Ministerio de Fomento leva facendo dende hai catro anos na N-642.
“Son dez obras que, ó igual que o resto das que foron feitas e tamén das que temos proxectadas para un futuro, se caracterizan por un mesmo denominador común: a dotación e a mellora dos servizos básicos ós cidadáns de todos os núcleos do noso concello, porque isto redundará nunha mellor calidade de vida dos nosos veciños” recalcou Villares.