Nota de prensa
MÉNDEZ CULPA A VILLARES DO ABANDONO TOTAL NO QUE SEGUE A PRAIA DO TORNO DENDE O TEMPORAL DO PASADO NOVEMBRO
-A socialista sinala que “o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, mostra unha vez máis a súa vagancia e falta de preocupación polos temas do concello”
-Asegurou que “pasados seis meses, a praia está nun estado lamentable, se continúa así, este ano volveremos a ver coma novamente a praia do Torno queda sen bandeira azul”
CERVO, 7 DE ABRIL. A portavoz dos socialistas de Cervo, Lara Méndez, denuncia o deterioro no que se encontra a praia do Torno, no mesmo centro de San Cibrao. Méndez subliñou que “dende que o pasado mes de novembro o temporal de vento e mar que sufriu toda a costa da Mariña lucense destrozase o aspecto desta praia, tódolos veciños vemos como a situación segue igual. O que volve a poñer de manifesto a deixadez do señor alcalde e a vagancia á que nos ten acostumados. Pasados seis meses, os baños da praia seguen sen portas, a area está chea de escombros, que foran arrastrados pola marea, e en definitiva, o seu estado é lamentable”.
Méndez asegurou que “é vergoñento que a praia máis visitada e concurrida do concello de Cervo se abandone desta maneira. O único responsable é o señor alcalde, Alfonso Villares, que foi elixido para xestionar o noso concello dunha maneira seria e eficaz pero adícase a facer todo o contrario, ten o concello totalmente abandonado. O alcalde mostra unha e outra vez a súa inoperancia, nunca demostra ser capaz de xestionar solucións ós problemas que se lle plantexan”.
A voceira do Grupo Municipal Socialista lembra que “ante a pasividade do alcalde, xa o ano pasado este areal perdeu a bandeira azul, un símbolo que recoñece o cumprimento dunha serie de criterios específicos, como é a calidade das augas, a xestión medioambiental e a seguridade duns bos servizos. Ano tras ano, imos perdendo estes distintivos, primeiro foi a praia de Cubelas e o verán pasado tocoulle á praia do Torno, un referente na Mariña con moitos anos de tradición ondeando a súa bandeira azul. Desexamos que este ano sí consiga o galardón pero na situación na que está, é moi difícil que o poida lograr. Outra mostra máis da ineptitude do rexedor municipal e da pouca preocupación que mantén polos temas do Concello e o seu seguemento”.
A socialista, Lara Méndez, recomendoulle ó señor Villares que “é necesario xestionar novos servizos, instalacións e tódalas melloras posibles para o Concello de Cervo pero tamén é importante saber manter e potenciar o que xa temos. Parece que últimamente o único que lle preocupa é que os veciños vexan como inicia obras (case nunca da sua xestión), inaugura instalacións e sen embargo, a realidade é que ten o concello abandonado”