Nota de prensa:
ALEJANDRO CANO BOLADO E JUAN JOSÉ VILA CASTRO SON OS GAÑADORES DA DÉCIMO SEXTA EDICIÓN DO CERTAME GALERÍA BURELA NAS SÚAS MODALIDADE DE PINTURA E ESCULTURA.
Burela, 6 de maio de 2011. Alejandro Cano Bolado de Valladolid e Juan José Vila Castro de Lugo son os gañadores da XVI edición do certame Galería Burela nas súas modalidade de pintura e escultura. A entrega de premios terá lugar o 20 de maio, segundo deu a coñecer a concelleira de Cultura esta mañá.
Neves Cando manifestou que “o certame de arte Galería Burela cumpre nesta edición 16 anos e despois da inauguración da exposición que fixemos o mes pasado coas obras seleccionadas polo xurado agora anunciamos a decisión deste xurado, integrado por tres profesores de artes do IES Monte Castelo”.
O primeiro premio de pintura, dotado con 1.800 euros, foi para Alejandro Cano Bolado de Valladolid pola súa obra Posidonia, os prados do mar. O segundo premio dotado con 1.200 euros foi para Adriana Pardo Basanta de Burela coa obra Silencio a berros e o terceiro premio que recibe un diploma e unha figura representativa do certame é para Pablo Livio Díaz Cardona de Viveiro pola obra Nostalgia por tiempos perdidos.
No apartado de escultura o primeiro premio, tamén dotado con 1.800 euros, foi para Juan José Vila Castro de Lugo pola obra A chamada intercultural. O segundo premio de 1.200 euros foi para a obra de Antonio Santos Cortizo de Ourense titulada Maternidade e o terceiro premio, que recibe diploma e figura, foi para a obra tamén titulada Maternidade de Toni Ferrer Diéguez de Ourense.
A edil nacionalista lembrou que “a exposición permañecerá aberta na Casa da Cultura no seu horario habitual ata o vindeiro 20 de maio, data na que terá lugar o acto de clausura e a entrega dos premios aos galardoados”.