Nota de prensa
Gómez Besteiro subliña que “hoxe comeza a 2ª fase do cambio e continúa a nova forma de entender a Deputación”
– O Presidente destaca que os obxectivos para o segundo mandato seguirán sendo os mesmos que os levados a cabo nestes catro primeiros anos: creación de emprego e aposta polo medio ambiente e o agro, e anuncia actuacións para esta mesma semana
– O titular provincial garante que o bipartito é posible “e ó PP tocaralle estar na oposición, o que é un papel moi digno. Isto demostra que os partidos non rematan ata que se pita o final”
– Gómez Besteiro recoñeceu que a administración autonómica “non pode dar excusas en outros proxectos como as residencias da 3ª idade ou o Centro de Recría, que son importantes para Lugo e para Galicia. En definitiva, ábrese un periodo extraordinario para facer cousas en favor desta provincia”
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, fixo este luns balance dos resultados electorais e asegurou que “hoxe é un día no que comeza a segunda fase do cambio, unha etapa nova na que os obxectivos seguen sendo os mesmos que os que tiñamos os días 22, 21 ou o 20 de maio, e que son a aposta polo emprego, polo medio ambiente e polo agro”. Neste senso, puxo como exemplo os proxectos das residencias “que comezan a eclosionar agora e que van orientadas a cubrir unha expectativa importante en relación coa terceira idade e co despoboamento poboacional. Non eran electorais, senón que se están a proxectar onde son necesarias. Nunca dixemos que íamos facer grandes complexos, senón que ían cumprir unha triple función: atender ás persoas maiores, xerar emprego e que sexam unha infraestrutura que permita que os Concellos non perdan poboación”.
A este respecto, Gómez Besteiro tamén se referiu á participación da Xunta na creación de prazas concertadas. “É o lóxico. É o sentido común. Ese esforzo que facemos dos orzamentos son fondos de todos os lucenses e esa é a senda que ten que seguir a Xunta”. Asimesmo, recoñeceu que a administración autonómica “non pode dar excusas noutros proxectos como o Centro de Recría que é importante para Lugo e para Galicia. En definitiva, ábrese un periodo extraordinario para facer cousas en favor desta provincia”.
O traballo continúa
Gómez Besteiro subliñou que a xestión da Deputación non se para senón que esta mesma semana continuarase traballando para levar máis investimentos ós Concellos da provincia. “Desprazarémonos á Mariña, á Terra Chá, á Fonsagrada. Remataremos a compra dos terreos de Pacadar. Todo isto non se detén polo periodo electoral nin porque dentro dun mes se constitúa a nova Corporación. Seguiremos buscando que as promesas se cumpran. Os electores xa dixeron o que querían e ós políticos tócanos traballar neste sentido”.
Con respecto a proxectos iniciados nos que cambiou o goberno como o de Castro de Rei e no que se contemplan actuacións concretas para o Hospital de San Rafael, o Presidente subliñou que “xa hai un proxecto viable, polo que hai que aplicar o sentido común. A Deputación segue disposta a ceder as instalacións con independencia dos resultados”.
“Este goberno vai existir e ó PP tocaralle estar na oposición”
Ante a pregunta sobre levar a cabo un goberno bipartito cando o Partido Popular obtivo uns resultados positivos, Gómez Besteiro concluíu: “o PP non ten maioría absoluta. Por tanto, non pode comportarse como se a tivera. Xa antes se comportaba como tal, pero os partidos non rematan ata que se pita o final. Este goberno vai existir e ó PP tocaralle estar na oposición, o que é un papel moi digno. Isto servirá para que todos reflexionemos”.




















A competición celebrarase entre o 24 e o 27 de setembro en Las Vegas, e Julia Cabarcos emprenderá esta mesma tarde a viaxe cara aos Estados Unidos para afrontar a súa participación na categoría Women's Physique.
O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



