Nota de prensa
Un concerto de Operación Triunfo pechará o día 17 as actividades da aula itinerante do programa Innova-TE
– Lara Méndez presentou o evento de clausura da carpa @, que se celebrará na Praza de Augas Férreas e incluirá actividades gratuítas de formación, divulgativas e lúdicas en horario continuado de 11 da mañá a 11 da noite
– Oito concursantes da edición deste 2011 de OT – Nahuel (o gañador), Jefferson, Niccó, Alexandra, Roxío, Alex, Josh e o galego Ramil- firmarán autógrafos pola mañá, de 12:00 a 14:00 horas, e á noite, a partir das 21:30, darán un concerto
– A Vicepresidenta Segunda da Deputación recordou que a aula estivo en 9 eventos celebrados por toda a provincia, nos que mostrou a e-Administración a preto de 80.000 persoas
A aula de formación itinerante do programa Innova-TE da Deputación, posta en marcha para difundir entre os lucenses como funciona a Administración Electrónica e a súas vantaxes, concluirá as súas actividades o día 17 de maio cunha xornada especial que terá como prato forte o concerto de 8 dos concursantes que participaron na edición deste 2011 do programa televisivo Operación Triunfo. A Vicepresidenta Segunda do organismo provincial, Lara Méndez, presentou este martes en San Marcos o evento de clausura da carpa @, que se celebrará na Praza de Augas Férreas e incluíra actividades gratuítas de formación, divulgativas e lúdicas de xeito continuo entre as 11 da mañá e as 11 da noite. A data elixida non é casual, senón que se fixo coincidir coa conmemoración das Letras Galegas, dedicado a Lois Pereiro, e do Día de Internet. Neste senso, Méndez subliñou que “celebrarase nunha praza nova como o programa Innova-TE e como son as novas tecnoloxías, pero non por iso menos importante senón todo o contrario. Esta é unha zona que hai que potenciar e que ten cabida para realizar moitos eventos coma este co que culminaremos esta carpa que estivo itinerante por toda a provincia”.
Os artistas de OT que estarán na aula de Innova-TE son Nahuel (o gañador), Jefferson, Niccó, Alexandra, Roxío, Alex, Josh e o galego Ramil. Pola mañá –entre as 12:00 e as 14:00 horas- firmarán autógrafos en fotos e pósters ós asistentes á carpa e pola noite, a partir das 21:30 horas, ofrecerán un concerto tanto dentro da instalación, como fóra, nun escenario montado para a ocasión.
Na cita do día 17 manterase polo demais as actividades que se viñeron desenvolvendo na @ ó longo dos últimos meses: taller de DNI electrónico, sorteos de diverso material tecnolóxico imprescindible para o uso da e-Administración, como lectores de DNI, chaves USB, ebooks (lectores de libros electrónicos) e netbooks (ordenadores portátiles de baixo custe e reducidas dimensións); unha pantalla táctil co libro guía das rutas do programa Km0 da Deputación; o denominado espazo “365”, unha aplicación de apoio escolar para nenos e pais; e unha aplicación de realidade aumentada, estas dúas últimas cedidas por Movistar. Como verdadeiro espazo tecnolóxico, esta carpa pioneira, de 120 metros cadrados e cor vermella, conta con sinal wifi gratuíta para conectarse a Internet, grazas á colaboración de Vodafone.
A aula formativa do Innova-TE dá a coñecer así mesmo a experiencia de empresas da provincia que implantaron con éxito as novas tecnoloxías no seu modelo de negocio. Nesta ocasión, as firmas participantes son Porco Celta da Fonsagrada e a adega Vía Romana de Chantada, que expoñerán a súa actividade e produtos, e ofrecerán degustacións. A Vicepresidenta Segunda da Deputación recordou que dende principios do ano pasado a carpa @ estivo en 9 eventos celebrados por toda a provincia, nos que mostrou a e-Administración a preto de 80.000 persoas.
O proxecto finalizará o 30 de xuño
O plan Innova-TE, impulsado pola Deputación para despregar a Administración Electrónica na provincia de Lugo, estará concluído o 30 de xuño. Dotado con 9 millóns de euros de orzamento, que aporta a Unión Europea nun 70%, permitirá ós cidadáns manter unha relación fluída e transparente coa administración, ademais de acadar un importante aforro de tempo e diñeiro á hora de facer xestións diarias. Co proxecto, os lucenses poderán facer 147 procedementos administrativos on line, 79 municipais e 68 coa Deputación.
Este programa resulta totalmente gratuíto para os 49 concellos adheridos. Deles, un total de 27 teñen implantada a día de hoxe a e-Administración e os 22 restantes poñerana en marcha de maneira progresiva nas vindeiras semanas. Inicialmente, os entes locais participantes no proxecto eran 51, pero Xove e Vilalba desvinculáronse por falta de interese e implicación. “Esta foi unha aposta clara e decidida da Deputación polas novas tecnoloxías, polo que xa lamentamos en varias ocasións que non se sumasen o 100% dos Concellos porque cremos que é o futuro. Ademais era un programa totalmente gratuíto para todos os Concellos, non lle costaba nin un só euro ás arcas municipais. As novas tecnoloxías son a canle para facer unha provincia competitiva e con capacidade de desenvolvemento”, engadiu a Vicepresidenta Segunda.
As localidades con este servizo activado xa teñen dispoñibles os 79 trámites previstos no ámbito municipal. En canto á Deputación, están implantados na actualidade 51 de 68. As entidades locais tamén poden renovar a súa páxina web a través o plan, modernizándoa e mellorando a súa accesibilidade e navegación. A gran maioría dos participantes -39- teñen solicitado facelo e deles, 26 contan na actualidade con novos portais activados.
Plan de banda ancha
Con ese mesmo obxectivo de garantir o funcionamento eficaz da tramitación on line, púxose en marcha tamén un plan de extensión de banda ancha que mellorará a conexión a Internet dos consistorios e telecentros, e que resultará determinante para ofrecer un servizo de calidade en concellos con deficiente cobertura da Rede, como é o caso de Negueira, Navia, Triacastela ou Cervantes. Neste senso, Lara Méndez destacou que “fixemos os deberes a pesar de que a banda ancha é competencia da Xunta. Esixímoslle, unha vez máis, que acelere o proceso porque senón é retrasar o crecemento de Lugo e tamén de Galicia. É necesario que a administración autonómica se implique de forma activa”.
O proxecto, cun presuposto de 1 millón de euros e adxudicado á empresa Telefónica, disparará a velocidade de conexión a Internet, ó garantirlles entre 2 e 10 megas ós consistorios e ata 100 á sede da Deputación e ós seus organismos dependentes. O equipamento preciso xa está instalado en 35 concellos, no Pazo de San Marcos e no INLUDES, e tan só faltan as probas técnicas para poñer en marcha o servizo. Quedan 14 municipios pendentes, nos que a dotación estará operativa ó longo deste mes.
Segunda parte de Innova-TE
A Deputación de Lugo ten solicitado novas axudas do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) convocadas polo Ministerio de Política Territorial para desenvolver a segunda parte do programa Innova-TE e continuar deste xeito por unha senda que “converta Lugo nunha provincia punteira en materia de novas tecnoloxías”, subliñou Lara Méndez. O orzamento global deste Innova-TE 2 é de 15 millóns de euros, dos que a Unión Europea aportaría 11 e a Deputación, 4. Os obxectivos do organismo provincial son aumentar os trámites que os cidadáns poderán realizar cos Concellos e coa Deputación –alcanzando os 257-, potenciar o centro In Lugo, que permite ás empresas probar os seus produtos e servizos de benestar social antes de sacalos ó mercado; seguir estendendo a banda ancha hasta onde non chegue a Xunta de Galicia; ser un referente en España na administración sen papeis, incrementando o aforro de Deputación e veciños, e ampliar o asesoramento que o organismo provincial lle da in situ ós Concellos.























O corte afectará ao tramo que vai desde o principio da vía ata o punto quilométrico 0,900. Para facilitar a execución das obras, será necesario que non haxa vehículos estacionados nese treito. Os traballos, executados pola empresa Jose No Mantiñan E Hijos Construcciones, S.A., forman parte dun proxecto conxunto para a mellora e acondicionamento de varias estradas provinciais no municipio de Xove, cun investimento total superior aos 800.000 euros.
Daniel García reafirmou o apoio ao festival, que conta cunha colaboración estable e continuada da Vicepresidencia provincial desde a primeira edición e valorou "o impulso que a Asociación Fanto Fantini lle dá ano a ano ao festival, cun programa que vai máis alá do cartel musical e que profundiza na súa identificación e o seu vínculo con Burela e coa Mariña". A Vicepresidencia da Deputación achega 25.000 euros ao patricinio desta edición do Osa do Mar.
Presidenta e xerente, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, acudiron ao Teatro a escoitar a Pepe Conde, quen fora xefe do servizo de cirurxía do HULA e persoa moi vinculada a esta vila por motivos familiares. Co seu pregón arrincaron varios días festexos que rematarán o vindeiro martes, día da patroa. Cruzado e Pérez departiron cos responsables da comisión das festas minutos antes do inicio do pregón.
No acto tamén estivo o presidente de ACRUGA, César Dorado Pin, e outras autoridades. López destacou a importancia do certame e entregou os trofeos. A Granxa Gayoso Castro, situada en Castro de Rei, é un referente provincial pola súa labor de formación, investigación e apoio á recría de Rubia Galega en colaboración coa USC e ACRUGA.
A sesión incluirá a proxección da peza, de 27 minutos de duración, e un coloquio con Ugía Pedreira sobre música, saúde e outros temas. A obra forma parte da selección oficial do Barcelona Indie Filmmakers Festival (BARCIF) 2025 e a actividade está promovida por A Pomba do Arco.
O evento comezou cunha misa na igrexa parroquial de Santa María de Meira e a continuación, tivo lugar o tradicional xantar no Pavillón dos Deportes e o recoñecemento ao home e á muller de maior idade do municipio. Nesta xornada de convivencia, Fernández Méndez puxo en valor a contribución das persoas maiores á sociedade e enxalzou o seu papel activo no municipio, “é unha satisfacción compartir este día coas nosas persoas maiores, que tanto teñen achegado á sociedade e que merecen espazos de encontro e celebración como este”.
Será desde as 11 horas. Trátase dun reto por parellas no que enxeño, concentración e traballo en equipo serán claves para completar o puzzle no menor tempo posible. Agárdase a participación duns 40 equipos e haberá premios para os tres mellores tempos e un recoñecemento ao mellor tempo local. O Concello de Cervo anima a apoiar



