Nota de prensa
O CONCELLO TENTA SOLUCIONAR CON CELERIDADE A FUGA QUE PRESENTA O EMISARIO DA EDAR DE BURELA. A EMPRESA CONCESIONARIA, ESPINA Y DELFÍN, CONTRATARÁ UN BUZO PROFESIONAL PARA VERIFICAR O ESTADO REAL DA INSTALACIÓN E ASÍ LOCALIZAR O PUNTO AFECTADO, SEGUNDO ANUNCIOU HOXE O ALCALDE.
Burela, 24 de xuño de 2011. O Concello tenta solucionar canto antes a fuga que presenta o emisario da EDAR de Burela. A empresa concesionaria, Espina y Delfín, contratará un buzo profesional para verificar o estado real desta instalación e localizar o punto ou puntos afectados. O rexedor, José Mª González Barcia, aboga por realizar inspección periódicas do emisario para que esta situación non volte a producirse.
O alcalde contou que “nos puxemos en contacto coa empresa concesionaria do mantemento da EDAR que é Espina y Delfín para comunicarlle esta situación e arbitrar as medidas que hai que tomar, porque ese tema hai que solucionalo canto antes”. González Barcia explicou que “a primeira medida que se adoptará será que a propia empresa, Espina y Delfín, vai contratar un buzo profesional para baixar e verificar o estado real do emisario, localizar o puntos ou os posibles puntos onde poida haber fugas e proceder ao seu arranxo”.
O rexedor agarda que “o problema quede resolto nos vindeiros días e a partires de aí vamos falar coa empresa para ver de facer inspeccións periódicas do emisario e intentar que esto non volva acontecer. Esta noticia non é unha noticia que lle agrade a ninguén, pero está aí, as competencias hai que asumilas e hai que asumir a responsabilidade que temos que é arranxala, pero este equipo de goberno non ten ningunha responsabilidade nesa avería, o que sí ten é a responsabilidade de arranxala e eso é o que estamos intentando facer con toda celeridade”.