Nota de prensa
RAQUEL ARIAS VISITA NO VICEDO AS OBRAS DE MELLORA NA ESTRADA LU-862, NAS QUE A XUNTA ESTÁ A INVESTIR PRETO DE 6 MILLÓNS DE EUROS
A delegada territorial destacou a importancia das tarefas deste proxecto de modernización, que inciden directamente na seguridade dos veciños da zona e os usuarios da estrada
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas promove estes traballos de mellora da seguridade viaria ao longo de 20,2 quilómetros da vía entre Viveiro e o límite coa provincia da Coruña
O Vicedo, 29 de xullo de 2011.- A delegada territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias, visitou hoxe as obras de mellora e reforzo que se están acometendo na estrada LU-862, no treito comprendido entre o límite coa provincia de A Coruña e Viveiro, pasando polo concello de O Vicedo. O Executivo galego, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, leva a cabo esta iniciativa mediante a Sociedade Pública de Investimentos (SPI).
O departamento autonómico de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas investiu 5.966.117 euros nesta obra na estrada LU-862, que está dividida en varios plans de actuación. Estes son: a rehabilitación do firme da estrada; a mellora das interseccións; a adecuación das barreiras metálicas á normativa vixente, así como a renovación de balizas de sinalización e a ampliación ou reposición de beirarrúas en treitos puntuais en Celeiro; e a construción dunha senda peonil no acceso á praia de San Román.
A delegada territorial, que estivo acompañada polo alcalde do Vicedo, José Jesús Novo Martínez, e polo xefe territorial do departamento, José María López Vega, resaltou que todas estas melloras supoñen “una modernización das infraestruturas que deriva nun incremento da seguridade viaria, sempre pensando nos veciños e nos usuarios das vías”.
Proba disto é que entre algunhas das obras proxectadas, destacan o reforzo do firme mediante unha capa de rodaxe que facilitará unha mellora na condución, a instalación de barreiras de protección para motoristas ou a substitución das sinais deterioradas.
A máxima representante do Executivo galego na provincia subliñou que “a Xunta actual está a incidir nas actuacións viarias, cuxo fin non é outro que a mellora das comunicacións ao longo da comunidade e, por ende na provincia lucense, incidindo así de xeito directo na mellora da calidade de vida das nosas veciñas e veciños”.
Arias explicou en que o remate contractual das obras está previsto para setembro do ano 2012. Ao longo destes dezasete meses terá lugar a modernización e rehabilitación de 20,2 quilómetros de estrada entre o límite provincial e Viveiro. Se ben, para facilitar o tráfico durante os meses de xullo e agosto non se levarán a cabo actuacións nas zonas de travesía, a fin de facilitar a comunicación viaria durante o período estival nesta zona de gran afluencia de visitantes pola beleza do seu litoral e das súas praias.
Ata o de agora tense levado a cabo o fresado e reforzo, así como a instalación da capa de rodaxe no tramo da estrada que discorre dende o límite coa provincia da Coruña ata O Vicedo. Ao longo destes meses centrais do verán procederase a colocación da sinalización horizontal e aos traballos relacionados coa instalacións das barreiras metálicas.