REFERENCIA
O DOG publica hoxe o cambio de titularidade dun treito da estrada Viveiro-Cabreiros (LU-540) a prol do concello de Ourol, en Lugo
-O cambio vén motivado porque este treito, situado entre os puntos quilométricos 15+000 e o p.q. 16+140, no contorno do chamado cruzamento dos Colviños, adquiriu características urbanas
-A partir da formalización da entrega, o concello encargarase de todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación do tramo
Santiago, 27 de xullo de 2011.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o decreto polo que se aproba o cambio de titularidade dun treito da estrada estrada Viveiro-Cabreiros (LU-540) a prol do concello lugués de Ourol, despois de que o Consello da Xunta o aprobara na súa reunión da semana pasada. O cambio vén motivado porque o tramo, que discorre entre o punto quilométrico 15+000 e o p.q 16+140, adquiriu características netamente urbanas.
A Dirección Xeral de Infraestruturas analizou e considerou adecuado o cambio de titularidade deste treito e, de acordo co informe emitido polos servizos técnicos competentes, a transferencia da titularidade.
O Decreto 308/2003 prevé a posibilidade do cambio de titularidade de estradas a prol dos concellos, con especial referencia a aquelas susceptibles de seren transferidas por non daren continuidade a itinerarios ou seren treitos de estradas en que se fixeron variantes de trazado.
Así mesmo, no artigo 5 da Lei 4/1994, de estradas de Galicia, indícase que os cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da comunidade autónoma deberán ser aprobados por decreto da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de estradas.
A entrega formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia (DOG), mediante a sinatura da correspondente acta de entrega. O concello, a partir da formalización da entrega, encargarase de todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía. Tamén lle corresponden ao ente municipal o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular da estrada.