Nota de prensa
OS 86 SOCORRISTAS SUBVENCIONADOS POLA XUNTA NA MARIÑA REALIZARON UN TOTAL DE 760 INTERVENCIÓNS NO QUE LEVAMOS DE PERÍODO ESTIVAL
A Xunta aporta unha dotación de preto de 400.000 euros para a contratación de postos profesionais en praias e piscinas da costa lucense durante os meses estivais
Xunto ao fomento do emprego, estas achegas pretenden contribuír á excelencia turística da Mariña
No conxunto da provincia de Lugo, o investimento a través dos Plans de Cooperación alcanza os 9.026.466 euros, xerando un total de 913 empregos, dos que 291 corresponden á comarca costeira lucense
Cervo, 08 de agosto de 2011.- Ata un total de 86 profesionais contratados nos municipios da Mariña mediante as subvencións concedidas pola Xunta de Galicia levan a cabo distintas tarefas de control e salvamento en praias e piscinas da zona. No que levamos de tempada de verán, rexistráronse un total de 760 intervencións e incidencias. Esta iniciativa encádrase dentro dos Plans de Cooperación que o Executivo galego, a través da Consellería de Traballo e Benestar, desenvolve na provincia lucense.
Estes profesionais están encargados da vixilancia, salvamento e socorrismo en praias e municipios da Mariña lucense que, debido ao seu marcado carácter turístico, son os que concentran a gran maioría deste tipo de contratos sufragados mediante os Plans Cooperativos. De feito, no 2011 aumentouse a dotación de efectivos situados no litoral, pasando de 73 socorristas nas praias a un total de 78 no presente exercicio, e pasando a 86 no total dos municipios da comarca.
A dotación orzamentaria destinada a estas tarefas é de 326.680 euros para a zona da Mariña, que ascende a preto de 400.000 euros (399.980 euros) ao sumar os contratos dedicados á limpeza e atención sanitaria nos areais.
Os concellos, grazas a estas subvencións concedidas pola Xunta de Galicia poden acometer a contratación de socorristas profesionais para os meses estivais. Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Trabada, Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove son os doce concellos que contan con profesionais contratados. Vixilancia, socorrismo e salvamento en praias da Mariña e en distintas piscinas municipais son as labores que desenvolven os máis de 80 profesionais seleccionados para estes postos.
Así mesmo, a Xunta subvenciona a contratación de 18 traballadores destinados á limpeza dos areais en Viveiro, Cervo, Burela e Foz, por importe conxunto de 62.000 euros. Ademais, neste último municipio sufraga con 11.300 euros os contratos de 3 traballadores durante os 3 meses de verán dedicados a prestar atención sanitaria nas praias.
Na comarca da Mariña, é claro que as contratacións dos Plans de Cooperación relacionadas cos labores de socorrismo e limpeza de areais inciden directamente na boa imaxe das nosas praias que perciben veciños e visitantes, contribuíndo deste xeito á promoción turística da comarca.
Ademais, as subvencións concedidas no marco deste programa, que están en consonancia coas peticións que formulan os concellos, financian tamén contratacións máis xenéricas (para mantemento de espazos naturais, brigadas de servizos múltiples…) que os concellos poden derivar cara ás áreas de praia nestes meses de verán.
A delegada territorial, Raquel Arias, subliña o importante investimento “que realiza a Xunta de Galicia neste plan de fomento do emprego, que ten consecuencias inmediatas e permanentes dado que se renova cada ano”. Ao respecto, invita á Deputación Provincial a ampliar tamén o plan de emprego provincial, posto en marcha antes das eleccións municipais con carácter puntual, e realizar sucesivas convocatorias nos anos vindeiros.
Intervencións dos socorristas
Das máis de setecentas intervencións que tiveron lugar nas distintas praias da Mariña, a práctica totalidade son as consideradas como intervencións menores. Esta denominación utilízase para referirse a picaduras, feridas, lipotimias, queimaduras e fracturas. Dende o período comprendido entre o 1 de xuño de este ano o e 31 de xullo, 741 actuacións encádranse nesta categoría. Tan só 19 poderían considerarse como intervencións maiores, entre os que se atopan rescates varios.
Os casos máis frecuentes nos que estes socorristas interviñeron durante xuño e xullo refírense a picaduras de distintos insectos ou fanecas. A continuación, rexístranse as feridas, rozaduras e cortas contra rocas, pedras ou similares. En tódolos casos estas incidencias resolvéronse sen maiores consecuencias grazas á rápida intervención dos profesionais designados para o control das praias e a seguridade dos usuarios.
Plans de cooperación
Os Plans de Cooperación da Xunta de Galicia, desenvoltos pola Consellería de Traballo e Benestar, son un instrumento para a subvención de postos de traballo a persoas sen emprego, co fin de facilitar unha formación e experiencia laboral aos beneficiarios deste programa. Ademais, mediante distintas obras de carácter social, búscase un beneficio conxunto para a sociedade.
Os programas de cooperación teñen unha evidente vertente social e son de carácter anual. No conxunto da provincia de Lugo, o investimento total este ano alcanza os 9.026.466 euros, xerando un total de 913 empregos, cuxa duración media ronda os seis meses por traballador.
No caso dos concellos da costa lucense, o Executivo galego investiu no 2011 2.316.053 euros para a contratación de 291 postos de traballo. Estes datos supoñen un incremento con relación a exercicios anteriores, posto que se xeran máis de 50 postos por riba dos financiados no pasado ano.




















A competición celebrarase entre o 24 e o 27 de setembro en Las Vegas, e Julia Cabarcos emprenderá esta mesma tarde a viaxe cara aos Estados Unidos para afrontar a súa participación na categoría Women's Physique.
O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



