Nota de prensa
GONZÁLEZ BARCIA REÚNESE MAÑÁ CON ANTONIO VEIGA, VICEPRESIDENTE DA DEPUTACIÓN DE LUGO, CO OBXECTIVO DE ASINAR UNHA ADENDA A UN CONVENIO PARA A REALIZACIÓN DE OBRAS NA CASA DA XUVENTUDE.
Burela, 6 de decembro de 2011. O alcalde de Burela, o popular José María González Barcia, viaxa mañá mércores a Lugo para entrevistarse con Antonio Veiga Outeiro, o vicepresidente da Deputación Provincial de Lugo, na sede do organismo provincial.
O rexedor burelés, que xa mantivo un encontro en Burela con José Ramón Gómez Besteiro, presidente da Deputación, tén previsto asinar con Antonio Veiga unha adenda a un convenio asinado no seu día entre a Deputación e o Concello burelés para a realización de obras na Casa da Xuventude.
Ademais, Veiga e Barcia falarán de posibles axudas da Deputación para levar adiante determinadas actuacións e actividades de promoción turística, cultural, deportiva e tamén en materia de servizos sociais. O alcalde burelés lembra que “a Deputación mantivo nos últimos anos axudas para a Festa do Bonito, Produart, etc, así como aportacións para clubes deportivos e actuacións no ámbito dos servizos sociais”.
González Barcia confía en que “esas liñas de axuda se manteñan para o ano 2012, aínda sendo consciente da situación económica que se está a vivir”. Barcia recoñece que “a colaboración da Deputación de Lugo é importante”, e polo tanto confía en que a entrevista con Antonio Veiga sexa positiva.