Nota de prensa
ANTONIO VEIGA PRESENTOU AS AXUDAS DE CULTURA E DEPORTE DA DEPUTACIÓN DE LUGO NO MUSEO DO MAR DE SAN CIBRAO, QUE ASCENDEN A 1.220.000 EUROS
Todas as entidades que o desexen teñen de prazo para solicitar as axudas da Área de Cultura ata o 23 de marzo, e as da Área de Deporte ata o 2 de abril
Antonio Veiga afirma que “se manteñen todas as liñas de axuda de convocatorias anteriores, fronte aos recortes doutras institucións, e que se mantén o mesmo orzamento que o ano pasado para as entidades deportivas”
San Cibrao, 13 de marzo de 2012. O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga presentou hoxe, no Museo do Mar de San Cibrao, as bases da convocatoria das axudas en materia de cultura e deportes para este ano 2012, dirixido a entidades así como a concellos, para o que a Deputación destina máis de 1.200.000 euros, 630.000 a Área de Deporte e 590.000 a Área de Cultura. Cabe recordar, que en 2011, só no eido da cultura, resultaron beneficiados 139 colectivos culturais da comarca, o que se traduce en 144.100 euros.
As axudas de deporte ascenden concretamente a 630.000 euros, dos cales 500.000, unha gran parte do orzamento, irá destinado para as entidades deportivas da provincia, “que potencian a descentralización do deporte, fomentan actividades saudables no tempo de lecer, así como a creación de emprego e a dinamización económica” afirmou Antonio Veiga. Neste caso, as entidades poderán solicitar axudas para a actividade competitiva, ata un máximo de 8.000 euros, axudas para a organización de eventos deportivos, ata un máximo de 4.000 euros, e axudas para actividades deportivas, ata un máximo de 8.000 euros. Os 130.000 euros restantes serán para os concellos, dos cales 80.000 euros irán dirixidos a investimentos e adquisición de equipamentos, e 50.000 destinaranse para gastos correntes de promoción deportiva. No primeiro caso os concellos poderán solicitar ata 6.000 euros para investimentos, e ata 3.000 euros para equipamentos; e no segundo caso poderán solicitar ata 2.500 euros para a organización de eventos puntuais, e ata 5.000 euros para a organización de actividades ao longo do ano.
As axudas de cultura ascenden a 590.000 euros, dos cales 430.000, “unha parte importantísima do conxunto das axudas, estarán dirixidos a apoiar o asociacionismo cultural das nosas comarcas, que son o auténtico xerme e motor da nosa cultura como galegos e galegas. Polo que podemos asegurar que neste 2012 as asociacións e colectivos culturais lucenses volven a contar co noso apoio para o desenvolvemento das súas actividades e programación cultural” afirmou Antonio Veiga , e os 160.000 restantes serán para os concellos: 100.000 euros para investimentos e equipamentos, destinados a mellorar instalacións e a comprar pequenos equipamentos para as mesmas; e 60.000 euros destinados a gastos correntes para sufragar a elaboración de actividades de carácter puntual e anual. Dos 430.000 euros destinados a entidades culturais, os colectivos poderán solicitar dous tipos de axudas, segundo a súa actividade sexa de carácter puntual ou anual. A axuda máxima que poderá recibir cada colectivo para a realización dun evento cultural será de 6.000 euros, mentres que para a actividade anual será de 8.000 euros. As axudas para concellos destinadas a investimentos terán un límite de 6.000 euros por beneficiario, e as destinadas a adquisición de equipamentos terán un límite de 3.000 euros por beneficiario. Por outra banda, para gastos correntes e actividades dos concellos o límite fíxase en 2.500 euros para eventos puntuais, e 5.000 euros para actividades ao longo do ano.
Antonio Veiga insistiu en que “se seguen mantendo todas liñas de axuda tanto para deportes como para cultura, non como ocorre noutras administracións onde este tipo de axudas desaparecen e onde non se fai un esforzo financieiro para manter as liñas de axuda para o tecido asociativo, así como que se mantén o mesmo orzamento que o ano pasado para as entidades deportivas”.
O delegado de Benestar Social e Deporte congratulouse pola “celeridade e o bo facer dos traballadores e traballadoras das Áreas de Cultura e de Deportes, xa que estas axudas resólvense na primavera, co que as entidades deportivas teñen tempo suficiente para programar as súas actividades, algo moi diferente co que ocorre coas convocatorias doutras administracións como a Xunta de Galiza, cando anteriormente desde esta institución se convocaban axudas deste tipo, xa que as eliminou en 2011”.
As bases das convocatorias de Cultura e Deporte saíron publicadas no BOP o 22 de febreiro e o 1 de marzo, respectivamente, polo que as entidades e os concellos poden solicitar axudas culturais poderán facelo ata o 23 de marzo de 2012, e axudas de deporte ata o 2 de abril de 2012.