Nota de prensa
ANTONIO VEIGA PARTICIPOU NA XV EDICIÓN DA FEIRA DE GANDO E ARTESANÍA DO SAN ROSENDO, EN SAN MIGUEL DE REINANTE
O gando cabalar e os expositores de artesanía e produtos da terra, así como o polbo á feira, foron os protagonistas na xornada de onte nesta parroquia de Barreiros
Antonio Veiga afirmou que “esta é unha feira que ano tras ano se consolida trala súa recuperación no ano 1997, e na que son moitos os postos de artesanía que repiten presenza ano tras ano”
Barreiros, 5 de marzo de 2012. O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, tomou parte, na mañá do domingo, na entrega de premios da XV edición da Feira de gando e artesanía San Rosendo, en San Miguel de Reinante (Barreiros), na que participaron numerosos grupos ecuestres e distintos expositores de artesanía e produtos da terra. Nesta entrega de premios, que se celebrou no campo da festa, tamén participaron o alcalde do concello de Barreiros, Alfonso Fuente Parga, así como os membros da comisión de festas.
“Esta é unha feira que ano tras ano se consolida trala súa recuperación no ano 1997, e na que son moitos os postos de artesanía e produtos da terra que repiten presenza ano tras ano, algúns deles procedentes doutras provincias de Galiza”, afirmou Antonio Veiga. “Son moitos os mariñáns os que se dan cita o primeiro fin de semana de marzo en San Miguel de Reinante, para disfrutar dos atractivos da feira e degustar o polbo á feira, que non faltou en ningunha das edicións desde a súa recuperación” apuntaron desde a organización.
A Feira do San Rosendo é unha de tantas celebracións provinciais que se benefician do programa “Musiqueando pola provincia de Lugo 2012”. Neste caso O grupo de música tradicional “O Arco da Vella”, de San Miguel de Reinante, foi o encargado de alegrar coa súa música e o seu baile a mañá do domingo. “Con este programa, a Área de Cultura da Deputación provincial de Lugo faise cargo do 80% do custo da actuación do grupo de música tradicional, así como de corais ou bandas no caso de que as houbera”, afirmou Antonio Veiga, quen engadiu que “iniciativas coma esta permiten dar a coñecer grupos musicais tradicionais, corais e bandas lucenses na contorna de toda a provincia, ó mesmo tempo que supoñen un atractivo máis nos programas de festexos, como é o caso da Feira do San Rosendo”