Charlas e libros sobre a situación e a historia das mulleres, a actividade do Observatorio no mes de abril
Todas elas terán lugar na Casa das Letras de Ribadeo
O Observatorio da Mariña pola Igualdade, neste mes de abril, centra o seu traballo na presentación da realidade social e política que viven as mulleres en dous espazos en conflito (Ciudad Juárez, México, por un lado, e os países das chamadas primaveras árabes, por outro), e atende na última das actividades á difusión da propia historia de Galiza a través do rescate de figuras femininas sobre as que cómpre aínda hoxe deitar luz e facer divulgación. Con estas actividades cumprimos co obxectivo que temos dende o nacemento do Observatorio de visibilizar o papel das mulleres nos diferentes eidos así como dar a coñecer outras realidades de mulleres do mundo.
As actividades desenvólvense neste caso a partir da colaboración coa Casa das Letras ribadense, como espazo que as acolle, e mesmo nun caso colaborando o Observatorio na organización da actividade coa nova Asociación Cultural Casa das Letras.
Detallamos a continuación a programación do mes de abril do Observatorio:
-19 de abril: Charla-café Falemos de…Feminicidio: de Ciudad Juárez a Europa. Con Sonia Herrera Sánchez, especialista en comunicación educativa, xornalismo e conflictos armados e xéneros. Ás 20.30 na Casa das Letras de Ribadeo. Haberá, para as persoas que o desexen, café quente gratuíto para non perder así a idea inicial das charlas-cafés – unha das actividades máis asentadas do Observatorio – de reflexionar entre todas as persoas asistentes dun xeito ameno, informal e distendido do tema en cuestión.
-20 de abril: O Observatorio colabora nesta ocasión coa Asociación Cultural Casa das Letras na organización da charla “As voces silenciadas no despertar árabe”, con Yashmina Shawki, viguesa de orixe kurdo iraquí, licenciada en dereito e en historia contemporánea, e autora de diversas obras como “Fundación Libélula” (Edicións Xerais, 2011). Ás 20.30 na Casa das Letras.
-24 de abril: presentación do libro “Tres mulleres galegas de armas tomar: María Balteira, María Castaña e María Soliña” (Baía Edicións, 2011) , de Guillermina Domínguez e Felicia Estévez. Ás 20.00h na Casa das Letras de Ribadeo. Serán as propias autora, ambas profesoras no ensino secundario de historia e lingua respectivamente, as que nos presenten o libro e aproveitarán, tamén, para facer unha reflexión sobre a historia das mulleres en Galiza, o oculta que aínda permanece moitas veces e a pouca visibilidade que se lle dá nos libros de texto de secundaria.