OS INTERESADOS EN CONSULTAR O PXOM DE RIBADEO PODEN PEDIR CITA NO CONCELLO DESDE MAÑÁ, 4 DE ABRIL, SEGUNDO VEN DE ANUNCIAR FERNANDO SUÁREZ. O DOCUMENTO XA SE PODE VER TAMÉN NA WEB MUNICIPAL.
Ribadeo, 3 de abril de 2012. Os interesados en consultar o PXOM de Ribadeo xa poden pedir cita telefónica ou presencial desde mañá, 4 de abril, no Concello, segundo ven de anunciar o alcalde, Fernando Suárez Barcia. O documento xa se pode ver tamén na web www.ribadeo.org
O rexedor sinalou que “despois de que este último pleno aprobara a exposición pública do PXOM e tendo enviada toda a documentación ao Boletín Oficial da Provincial e ao Diario Oficial de Galicia a partires de mañá, para contestar ás consultas aos veciños e aos propietarios que queiran ver polo miúdo cómo está redactado o documento, desde o Concello daremos cita a todas aquelas persoas que de maneira presencial ou telefónica o requiran. Esas citas iránse atendendo a partires da vindeira semana”.
Suárez Barcia lembrou que “o período de exposición pública será de dous meses a partires da última publicación nos boletíns oficiais, cousa que contamos se produza a vindeira semana. E para lograr unha mellor eficiencia, para evitar tempos de espera ás persoas e tamén para atendelos de maneira personalizada queremos facer ao igual que hai catro anos, pero mellorando algunha cuestión, a exposición pública na vella oficina de turismo”. O rexedor ribadense engadiu que “alí os técnicos municipais, singularmente o arquitecto estará todos os días durante dous meses en horario de 10 a 13 horas, para atender as consultas veciñais que previamente pedisen cita co fin de evitar que a xente se amontoe e para que cada un poida consultar ou ver con tranquilidade o seu caso particular. Ademáis toda a cidadanía pode consultar o documento íntegro do PXOM na páxina web www.ribadeo.org”.
O alcalde de Ribadeo indicou que “despois tamén teremos visitas da empresa redactora do plan, Eptisa. E tamén temos por determinar unha data de explicación pública no auditorio municipal, que será en poucos días”. Fernando Suárez animou aos veciños e veciñas “a que non perdan a oportunidade de coñecer a resposta municipal ás alegacións formuladas no seu día vendo o plan xeral e a exercitar, si o estiman procedente, cantas suxerencias ou alegacións poidan presentar en caso de que non estean conformes e no caso de que crean que a lei ampara as súas peticións”.