Levo unhas semanas un pouco desconcertada co centro de día de Burela e enfadada tamén! Uns din que abren, outros din que non, uns din que menten os outros e os outros din que menten estes!
Miren, por sorte ou por desgraza, logo de superalo eu considéroo unha sorte, comparto a miña familia cunha persoa con D.I grave, cunha parálises total do hemisferio esquerdo. Levamos anos, moitos anos pelexando para que se abra en Burela un centro como este e teño que dicir, considerándome antipolítica, que a concelleira de Asuntos Sociais que agora mesmo rexenta o concello é unha profesional dos pés á cabeza! non é de estrañar partindo de que en Ferreira falasen e falen marabillas dela, profesionalmente falando.
Recordo señora Neves, teño que dirixirme a vostede, que estando daquela naquel despacho fun ben perdida pedindo información sobre o servizo e a súa resposta deume a entender que non tiña “nin pajolera idea” do que lle estaba a preguntar, un pouco vergonzoso, sendo este parte do seu traballo,
simplemente soubo dicirme que “non é aínda pa esta”.
Na actualidade, requirín a mesma información e podo dicir que esta foi clara e concisa e en ningún momento me sentín enganada nin creo que o pobo, como di vostede se sinta así. Gozo de datos coma que o centro se vai abrir aproximadamente a finais de verán, si con custos moi altos para as familias pero a día de hoxe sería de ilusos crer que os de arriba van soltar cartos a barrer para que o servizo funcione. Con máis axuda da Xunta ou con menos, con moitos cartos ou con poucos, as inquedanzas desta
concelleira, a forza por acadar as cousas e a enteireza que ten para loitar pola apertura deste centro non ten prezo así que aprendan, polo menos aprendan a que non se pode tirar a toalla, que os baches atopados no camiño pódense saltar e que “turrar contra as paredes” fan que estas se abranden. Polo menos
hai ganas, hai moito traballo por parte desta concellería, entendo disto e dígovos que moito é moito.
Agora sí, algo que podo e debo de dicir: deixen de criticar un servizo polo que eu sei que non loitaron e o pobo de Burela tamén o debe de saber. Se este servizo funciona, será gracias á dirección da Fundación Eu Son e ó traballo de Diana Durán. Nada máis que iso. Non esquezan que vostedes tiveron catro anos para intentalo, e non o fixeron, claro, na súa lexislatura era de suma importancia xestionar cartos para o Fútbol sala… os discapacitados aínda podían aguantar un pouco máis nas súas casas.
Pénseno porque eu sentiría vergoña.
RS