Unha expedición de 22 alumnos de 4º ESO partiron a Londres durante a ponte das Letras Galegas acompañados polos eu profesor de Inglés Antonio Galdo.
APRENDIZAXE “MODELO BURELA”… EN LONDRES
Día 17 de maio de 2012. Pouco despois das dez da mañá, un grupo de vinte e dous adolescentes de 4º de ESO reúnense na estación de autobuses de Burela para subiren a un ómnibus que os levará ao aeroporto de Avilés, camiño de Londres. A expedición está coordinada polo profesor de Lingua Inglesa, Antonio Galdo, e pola docente de Bioloxía, Charo Fernández. Os obxectivos son varios: convivir en grupo fóra das aulas do centro educativo, facer viaxe longa con combinación de diversos medios de transporte, coñecer os costumes doutro país, aprender a manexarse nunha cidade metropolitana e, sobre todo, testar a validez dos coñecementos adquiridos nas clases de inglés. Trátase, pois, dunha actividade “Modelo Burela” porque promove a interculturalidade ao mesmo tempo que fomenta a fluidez noutra lingua internacional. Precisamente por iso a data escollida está plenamente acordo coa filosofía do “Modelo Burela”. Era o Día das Letras Galegas e a celebración estaba dedicada a Valentín Paz Andrade, impulsor dunha marca galega con presenza en todo o mundo: Pescanova.
“Era a primeira vez que ía en avión, mais non tiña medo” -afirma unha moza na memoria didáctica. “O avión é un medio de transporte moi seguro”. E continúa: “Despegar foi emocionante… e voar tamén, mais a viaxe fíxose curta.
Do aeroporto ao hotel fomos en bus. Tardamos pouco en chegar. Despois de deixar as maletas e descansar un pouco, fomos á estación do metro. Antes de entrar nela, compramos a cea nun supermercado e comezamos a descoberta da cidade. Baixamos na estación de Leicester Square e camiñamos até Picadilly St. Alí deixáronnos tempo libre para explorar o lugar. Era incrible: xente por un lado e por outro, moitos comercios, bares, cafés, cinemas enormes, casinos, discotecas… todiño como nas películas”. Estas vivencias do Día das Nosas Letras serían o preludio do que viría nos días seguintes coas visitas á Torre de Londres, a ponte sobre o Támesis, ao Teatro de Shakespeare ou ao Big Ben. Aínda que, co paso do tempo, as forzas fraqueaban, ao tempo que aparecían vexigas nos pés, a expedición galega visitou tamén a Abadía de Westminster, a Leicester Square, o Museo Británico e o Backinghan Palace. Como enfatiza a privilexiada cronista, “non todo foi visitar museos; tamén estivemos nos parques. Démoslles de comer aos parrulos, como facía moita xente. Chamoume moito a atención a situación económica do país. Era todo carísimo, incluso na zona de China Town, que nos decepcionou un pouco. Esperábamola máis pintoresca e resultounos bastante normaliña.
Cinco días máis tarde, a expedición emprendeu o camiño de volta. Docentes e alumnado traían en si multitude de vivencias positivas e atesouraban fotografías, facturas e incluso folletos publicitarios para certificar que a experiencia fora real.
Agora esa documentación gráfica pode verse nunha fermosa exposición que está aberta ao público no Instituto Perdouro. Unha mostra máis da metodoloxía didáctica “Modelo Burela”.