A CONSELLERÍA DE CULTURA E EDUCACIÓN REFORZARÁ AS TITULACIÓNS DO CAMPUS DE LUGO
A Consellería apoiará todas as propostas da USC que permitan manter e consolidar a actual oferta de graos do campus
O departamento educativo da Xunta seguirá a impulsar accións de discriminación positiva para os campus non centrais, co obxecto de mellorar a súa competitividade
Lugo, 28 de maio de 2012.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reforzará as titulacións do Campus de Lugo para que este acade no 2015 os niveis de especialización e calidade que lle permitan manter unha posición de competitividade dentro do Sistema Universitario de Galicia (SUG), para o cal, serán especialmente consideradas as propostas que a Universidade de Santiago de Compostela (USC) presente nos vindeiros anos de cara a mellorar a actual situación do Campus de Lugo, poñendo en valor as súas fortalezas e potenciando a proxección de futuro como núcleo revitalizador do seu entorno socioeconómico.
En relación ás noticias aparecidas os últimos días nos medios de comunicación relativas á situación das titulacións do Campus de Lugo, cómpre lembrar que a Secretaría Xeral de Universidades nunca manifestou intención algunha de reducir o actual número de titulacións actualmente ofertadas polo campus de Lugo. Ao contrario, a Consellería ten incidido na necesidade de lograr que varias titulacións das actuais acaden un nivel de referencia internacional e sirvan de motores de desenvolvemento para o campus, a cidade e o tecido produtivo de Lugo.
Coa seu compromiso co reforzo do Campus de Lugo queda novamente de manifesto o apoio que dende a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria se vén demostrando respecto dos campus non centrais coa posta en práctica de medidas efectivas de discriminación efectiva para reforzar o seu papel en aras dun maior equilibrio territorial. Hai que lembrar que nestes anos, por primeira vez na historia, a Consellería tomou medidas de discriminación positiva para os campus non centrais, vinculando partidas específicas do plan de financiamento a indicadores destes campus, así coma incluíndo puntuacións adicionais nas convocatorias de investigación universitaria pola presenza de profesorado de Lugo.
A demanda mínima nos graos
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, como responsable da coordinación do SUG, publicou o pasado 9 de decembro o Decreto 222/2011 no que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
Segundo o artigo 6, as universidades deberán demostrar, nas titulacións de grao, que o número de estudantes de novo ingreso antes do inicio do período lectivo, non sexa inferior a 50 nos campus de A Coruña, Santiago de Compostela y Vigo e de 45 nos campus de Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra.
No caso de aquelas titulacións en que a media do número de alumnos de novo ingreso, durante os últimos tres cursos fose inferior ao establecido, a universidade afectada deberá elaborar un plan de viabilidade que modifique o plan de estudos de modo que o faga mais adecuado á demanda de cada momento.
Para os graos actualmente en vigor seranlles de aplicación as anteriores consideracións a partir do curso académico 2015/2016. Así, ao longo destes tres vindeiros anos, as tres universidades do Sistema Universitario de Galicia en conxunción coa Secretaría Xeral de Universidades estarán a traballar na remodelación daquelas titulacións que así o requiran, facendo unha oferta máis racional por centros e axustándoas ás cambiantes necesidades socioeconómicas da zona. Tenderase á especialización dos campus, de tal xeito que atendendo cada caso en particular, se realicen as modificacións oportunas, fusións de titulacións ou propostas de supresións de xeito que se cumpran os requisitos esixidos no Decreto 222/2011.
Debemos lembrar que as universidades do SUG foron partícipes do proceso de elaboración desta norma que, ademais, obtivo o informe favorable unánime do Consello Galego de Universidades, co voto a favor dos reitores das tres universidades galegas e dos tres presidentes dos consellos sociais.
.
SAÚDOS, GABINETE DE COMUNICACIÓN DA CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA