O CONCELLO APORTA 36.926 EUROS PARA A REALIZACIÓN DAS ACTIVIDADES DE TARDE NOS CENTROS DE PRIMARIA DA LOCALIDADE. MÓNICA PEDRE AFIRMA QUE “BURELA É UN DOS POUCOS CONCELLOS QUE DESTINA CARTOS PARA ESTE FIN” E QUE ESTA ACHEGA “PERMITE ABRIR OS COLEXIOS PARA CONCILIAR A VIDA LABORAL E FAMILIAR”.
Burela, 9 de maio de 2012. O Concello burelés colabora na realización das actividades que os dous centros de Infantil e Primaria, Virxe do Carme e Vista Alegre, realizan polas tardes para garantir a xornada lectiva única. Mónica Pedre, a concelleira de Educación, dixo que “Burela é un dos poucos concellos que pon cartos para abrir os centros polas tardes”.
O Concello de Burela, segundo a edil de Educación, aporta as actividades de carácter medioambiental que imparten as monitoras da Aula de Educación Ambiental GAIA, así mesmo, organiza actividades de inglés, de técnicas de estudio, e corre cos custos da actividade de piscina escolar.
Mónica Pedre subliñou que “os custos que sufraga o Concello suman 36.926 euros, máis de seis millóns de pesetas anuais, dos que a actividade da piscina absorbe case 22.000 euros. Outros 8.380 euros están destinados ás actividades de inglés e o demais corresponde ás actividades medio ambientais”.
A concelleira de Educación indicou que, ademais, o Concello asume os gastos de electricidade e calefacción que supón ter os dous CEIPs abertos polas tardes, “isto demostra que o equipo de goberno está comprometido coa educación; a nosa aposta é absoluta e evidente”.
Pero a edil popular foi máis aló, e manifestou que “a achega do Concello permite abrir os centros polas tardes para facer posible a conciliación da vida familiar e laboral. Creo que Burela é dous poucos Concellos que asume actividades, e polo tanto gastos, para abrir os centros de infantil e primaria polas tardes”.
De cara ao curso 2012-2013, Mónica Pedre non agarda grandes variacións, “seguiremos apostando polas actividades de tarde nos centros, e polo tanto seguiremos implicados; pode haber algún cambio, pero os centros saben que poden contar con nós”.