A XUNTA APROBA A PREVALENCIA DA UTILIDADE PÚBLICA DO PROXECTO DUNHA SUBESTACIÓN ELÉCTRICA SOBRE TERREOS DUN MONTE VECIÑAL EN RIBADEO
· O acordo do Consello comprende unha superficie de 1,18 hectáreas do monte vecinal en man común dos Chaos, pertencente á comunidade de Piñeira, neste concello lucense
O Consello da Xunta aprobou na súa reunión de hoxe o acordo polo que se declara a prevalencia da utilidade pública do modificado do proxecto da Subestación eléctrica de Ribadeo sobre a que cualifica ao monte veciñal en man común dos Chaos, pertencente á comunidade de Piñeira, no concello de Ribadeo (Lugo). A superficie total de afección é de 1,18 hectáreas.
Este proxecto contribuirá á mellora da subministración eléctrica no contorno de Ribadeo. Tras a autorización do proxecto por parte da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria, o Servizo de Montes da provincia de Lugo remitiu informe favorable, tendo en conta o servizo público que se vai facer con esta instalación e sen que consten no expediente alegacións por parte da comunidade de Piñeira.
Á vista de toda a documentación do expediente, a Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes da Consellería do Medio Rural e do Mar propuxo emitir informe favorable desta prevalencia en virtude do artigo 6 do regulamento da Lei de montes veciñais en man común.