A Fundación TIC promocionará as praias da Mariña difundindo actividades deportivas e medioambientais
– O Deputado de Economía do Coñecemento e patrono da TIC, e a presidenta do North Shore Surf Club de Barreiros presentaron un amplo programa de deportes e actividades acuáticos e medioambientais
– Técnicos da TIC e alumnos e bolseiros da Escola de Imaxe e Son realizarán material audiovisual para difundir estas actividades e completar a súa formación práctica
– A Deputación continúa deste xeito potenciando a calidade turística e medioambiental da Costa luguesa con actividades de lecer, trala exitosa segunda edición do Surf-Camp
O deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación e patrono da Fundación TIC, José Ramón Val Alonso, e a presidenta do North Shore Surf Club, Fátima López Soto, presentaron este sábado na praia das Oliñas, en Barreiros, un programa repleto de actividades relacionadas cos deportes acuáticos e a protección do medio ambiente, que durante os meses de verán terán como escenario as praias deste Concello mariñano. Todas estas actividades serán gravadas polos técnicos da Fundación e os alumnos e bolseiros da Escola de Imaxe e Son, cunha dobre finalidade: por unha banda, o material audiovisual froito dese traballo servirá para difundir esta iniciativa do club de surf barreirense e, por outra, será unha nova oportunidade para que os estudantes do único centro da provincia que imparte ciclos da familia do audiovisual completen a súa formación a través de prácticas reais, empregando os medios técnicos máis modernos, de cara á súa futura incorporación ó mercado laboral.
Surf e Medio ambiente
As actividades programadas darán comezo o sábado 23 de xuño coa limpeza das praias do municipio de Barreiros que levarán a cabo os participantes. A extensión e número de areais obxectivo desta limpeza dependerá do volume de participantes, e ós asistentes facilitaráselles o material preciso para a recollida de lixo. Pero non todo será traballo: a xornada rematará coa entrega dos agasallos aportados por varios dos patrocinadores da iniciativa, como as escolas de surf Hola, Ola! de Ribadeo e Sensación Surf de Foz, que ademais impartirán un curso gratuíto ós rapaces que colaboren. Tamén está previsto organizar xogos de cazatesouros nestas praias. Ó remate da limpeza, os participantes farán unha cacheira de San Xoán e unha espicha.
Xa no mes de xullo, o sábado 28 terá lugar un Anticampionato de surf, no que os participantes poderán gozar coa práctica deste deporte e facer gala das súas habilidades, sen a presión dunha competición. Haberá premios para as mellores olas, a mellor caída e mesmo para o atuendo máis orixinal e chamativo.
O día 18 de agosto celebrarase na praia de Lóngara o II Mercadillo de Surf, no que os afeccionados poderán vender e mercar material de segunda man. Será unha boa ocasión tamén para achegarse a curiosear, xa que a entrada é totalmente gratuíta para todo o mundo. O programa estival rematará o domingo 19 de agosto coa I Remada Popular, travesía a remo dende a praia de Lóngara, durante a que os participantes terán que colocar tres boias no mar, o que poderán facer nas modalidade de bodyboard, shortboard e longboard.
Novas actividades tras o éxito do Surf-Camp
Esta non é a primeira iniciativa que a Deputación de Lugo pon en marcha na Mariña co obxectivo de promocionar a costa luguesa de cara ó exterior, desestacionalizando o turismo e poñendo en valor a riqueza medioambiental da zona. Así, o Km0 Surf-Camp Deputación de Lugo, que este ano celebrou con éxito a súa segunda edición, foi un impulso para a economía dos Concellos da Mariña, aumentando a ocupación hoteleira durante tres días na costa luguesa, rozando o 80% na zona oriental e incluso superalo en Concellos como o de Ribadeo.
Deste xeito, 230 inscritos (o dobre do previsto ante a avalancha de solicitudes), procedentes non so das catro provincias galegas, senón de toda a metade norte de España, como León, Bilbao ou Asturias, e mesmo de Madrid, xunto á presenza dos mellores surfers a nivel nacional, a asistencia de medios nacionais e internacionais para cubrir o evento e as boas condicións meteorolóxicas converteron á Mariña en referencia turística fóra de tempada. Novamente, as actividades de ocio na costa luguesa sen dúbida contribuirán a promocionar, dun xeito diferente e orixinal, os areais de calidade cos que conta a provincia.
A TIC, ó servizo da provincia
A Fundación TIC apoia a máis de medio cento de asociacións sen ánimo de lucro da provincia e mantén contratos con máis de 60 empresas nacionais do sector multimedia. O principal obxectivo destes acordos é proporcionar experiencia laboral ós alumnos e titulados da EIS para que poidan acceder con máis facilidade a postos de traballo no sector audiovisual. Entre as organizacións coas que colabora a Fundación TIC figuran ONGs e asociacións culturais para apoiar o seu labor social e impulsar a inserción laboral de persoas con discapacidade; entidades deportivas, que promoven o deporte base; así como empresas que fomentan o emprego das novas tecnoloxías no tecido industrial da provincia. No último ano, a Fundación TIC incrementou en máis dun 400% os convenios asinados con colectivos lugueses.






















A feira instalarase na Praza da Constitución e contará con showcookings, catas, música en directo e actividades para todos os públicos. O sábado haberá demostración culinaria con Marcos Pereiro, sesión vermú, talleres infantís e concertos de 9Louro e Mondra. O domingo incluirá showcooking de Miguel Mosteiro, novas catas e a tradicional sesión de baile no Centro Cultural.
Pode visitarse ata outubro e explica como se producía o ferro na antigüidade. O documental “Da pedra ao ferro” publicarase proximamente na web do Museo.
Asistiron o tenente coronel Rubén García Díez, que é xefe do Grupo de Honores da Garda Real; o comandante Féliz Rodríguez Alcántara, segundo xefe do Grupo de Honores da Garda Real; o capitán Miguel Martínez Vilela, xefe da Escuadrilla Plus Ultra da Garda Real; así como persoal da devandita escuadrilla. O obxectivo da xuntanza foi coñecer a labor deste grupo do Exército, as actividades que desenvolve e a posibilidade de que algunha delas se poida levar adiante en Ribadeo. Tamén participaron a concelleira de Seguridade, Montse Seijo, e o xefe da Policía Local, Andrés Redondo.
Ás 12:00 h, no Parque Ramón de Campoamor, terá lugar o acto institucional de homenaxe. Pola tarde, no Casino de Navia, haberá actividades abertas ao público: 18:00 h – Recital “Poesía que nos une escondida entre renglones”. 19:00 h – Encontro coa escritora Matilde Suárez, Premio “Ría del Eo”. A alcaldesa, Ana Fernández, destacou o compromiso de Navia por recuperar e poñer en valor o legado do poeta e consolidar o concello como referente cultural.
A continuación, as persoas que desexen continuar a conversa e compartir un tempo de convivencia poderán anotarse á comida que se celebrará na Casa da Penela.
Unha comedia orientada para público infantil escrita e dirixida por Bea Campos. Hora: 18h.
O investigador achegarase a Ribadeo para falar sobre Urraca, considerada por moitos a emperatriz de todos os galegos e galegas. A entidade xa coñece o bo facer de Picallo, pois en anteriores ocasións participou como ilustrador nas presentacións das novelas Ao sur da liberdade e Entre a vontade e o destino, de Xosé Henrique Costas, deixando unha excelente impresión. Nesta ocasión, o público poderá escoitar ao Picallo historiador, que achegará novos datos sobre o reino de Galiza, unha realidade histórica que durante anos permaneceu agochada e que hoxe se recupera grazas a publicacións e investigacións como a súa.



