O Servizo de Normalización Lingüística da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, creado co obxectivo de incrementar o uso e o prestixio da lingua galega, organiza programas de asesoramento e de formación dirixidos ás administracións locais e aos cidadáns da Mariña Lucense.
Por unha banda, ten previsto realizar obradoiros de linguaxe e redacción administrativa galega dirixidos ao cadro de persoal das distintas administracións locais que integran a Mancomunidade, coa finalidade de reciclar os coñecementos lingüísticos e de linguaxe administrativa do funcionariado mariñao. Por outra, organiza charlas informativas e cursos de preparación para os CELGA dirixidos aos cidadáns da Mariña. As persoas interesadas para estes últimos poderán anotarse ben na oficina do Servizo de Normalización Lingüística da Mancomunidade que está na casa da Cultura do Concello de Foz; ben nos seus propios concellos; ou ben chamando aos teléfonos 982 140 675 ou 676 327 331. O número de prazas será limitado e os horarios, os lugares de realización e os niveis decidiranse en función da demanda.