LOBEIRA FAI UN CHAMAMENTO AO SECTOR PARA QUE SE OPOÑA AO COBRO POLOS SERVIZOS DE SALVAMENTO DECIDIDO POLO XUNTA
O deputado nacionalista cualifica a medida do goberno de “irresponsábel” e advirte dos seus riscos nun país como Galiza, cunha taxa tan alta de sinistralidade no mar
Santiago de Compostela, 1 Xuño 2012.- O deputado do G.P do BNG Bieito Lobeira fai un chamamento ao sector pesqueiro para que responda e se opoña ás novas taxas impostas pola Xunta en casos de resgate no mar e advirte de que tal decisión é unha “irresponsabilidade” que pode ter consecuencias dramáticas.
Lobeira levará esta nova medida do executivo de Feijóo ao Parlamento, pois considera que é especialmente denunciábel e perigosa nun país como Galiza, onde se rexistran os índices de sinistralidade máis altos do Estado.
Para o deputado nacionalista, o cobro polo servizo de gardacostas, ben sexa a través de helicópteros (Inaer) ou de embarcacións (Remolcanosa), ven sendo un xeito de privatizalo, que vai supor a degradación do dito servizo.
“Trátase de obter beneficio económico a costa das desgrazas no mar, que en moitos casos son auténticas traxedias que se cobran vidas humanas, polo que estamos ante unha medida miserábel que debe ser contundentemente contestada”, dixo.
Lobeira advertiu que o único efecto que vai provocar a orde da Xunta é o disuasorio, é dicir, que en situacións de perigo os mariñeiros eviten chamar aos servizos de salvamento para non ter que pagar, “unha decisión moi arriscada que cando se queira rectificar xa pode ser demasiado tarde”.