LUCAS: ‘OS RAPACES CHEGAN MOTIVADOS Á COPA PARA DAR UNHA BOA IMAXE E INCLUSO A SORPRESA’
A frenética clausura de tempada para os equipos laranxas séniors deixará paso a outra gran cita para o CD Burela FS Pescados Rubén esta fin de semana, que exercerá de anfitrión na fase final da Copa FGF da Liga Nacional Xuvenil (16 e 17 de xuño), no templo de Vista Alegre. O técnico Iván Cao (Cangas-Foz, 1982), máis coñecido como Lucas, destacou a confianza e ganas dos seus no broche do exercicio: “Os rapaces chegan motivados para ofrecer unha boa imaxe e incluso, quen sabe?, dar a sorpresa nunha competición que reunirá as catro mellores canteiras de Galicia tanto por resultados coma por traballo e proxectos”. “Chegan moi ilusionados, despois dunha tempada na que se premiou o seu esforzo con adestramentos e participacións co equipo sénior, e porque xogarán arroupados pola afección burelista” engadiu Lucas.
O equipo laranxa, segundo clasificado do Grupo A e cuarto en liga, medirase ao Autos Lobelle FS, primeiro do Grupo B e segundo na tempada, ás 19.00 horas, con inauguración previa, ás 17.00 horas, do Prone Lugo AD, primeiro do Grupo A e campión de liga, e o AD Bueu, segundo do Grupo B e terceiro na tempada. “Será unha cita moi vistosa, na que incluso teremos a oportunidade de contemplar a xogadores que xa debutaron en Primeira División” asegurou o adestrador mariñán, que tamén analizou as posibilidades burelás e as calidades do Lobelle: “Somos un equipo forte individual e tecnicamente e cunha boa defensa, que deberemos medrar ante un rival moi agresivo con xogadores que poden marcar moito a diferenza. Os resultados da tempada, cun empate (3-3) e unha vitoria (5-4) outórgannos posibilidades”, dixo o burelista.
“Temos un equipo moi competitivo e con calidade grazas ao traballo de formación que se vén realizando dende hai anos coa base, cun proxecto sólido de futuro” quixo puntualizar Lucas para despedirse, animando os afeccionados á cita da fin de semana.
Sábado 16 de xuño
17.00 horas: Prone Lugo AD-AD Bueu Cong. Almar
19.00 horas: Autos Lobelle FS-Burela FS Pescados Rubén
Domingo 17 de xuño