PORTA NORTE CLAUSUROU CON ÉXITO O SEU PRIMEIRO CAMPUS DE XIMNASIA RÍTMICA
A escola de ximnasia rítmica Porta Norte clausurou o sábado pasado en Burela o seu primeiro campus estival con grande éxito. “O balance do campus foi moi bo. As nenas e as adestradoras estamos moi contentas coas actividades e co resultado” sinalou Nelly Bouso, profesora da escola e coordinadora do clínic, que destacou a beleza e traballo do acto de peche: “O festival de clausura, en Vista Alegre, foi todo un triunfo. As nenas traballaron durante todo o campus para quedara perfecto; realizaron varias actuacións de ximnasia rítmica, ballet e funky, que se prepararon ao longo do campus, e tamén confeccionaron a vestimenta para os bailes” explicou a adestradora.
“De cara ao ano que vén, os pais e nais das participantes xa nos solicitaron prolongar a 15 días en lugar de facelo soamente unha semana, así que comezaremos a pensar nesa posibilidade” concluíu Nelly Bouso.
A escola Porta Norte, en colaboración coa Fundación Imdecum, reuniu ao longo da semana pasada unha trintena de rapazas entre prebenxamín e cadete, procedentes principalmente de Viveiro, Foz, Ribadeo, Xove e da propia vila burelá. O pavillón Monte Castelo foi testemuño de talleres non só ximnasia rítmica senón tamén ballet, baile moderno, expresión corporal, maquillaxe, elaboración de vestimenta para bailes, técnica corporal e de aparellos… Xunto ás adestradoras de Porta Norte, Nelly Bouso e Cristina Iglesias, formou parte do profesorado Estefanía Pérez, ensinante de danza española da academia asturiana de Navia Las Zapatillas Rojas.