MARIO OUTEIRO DENUNCIA QUE O TURISMO E A HOSTALERÍA SERÁN DOUS DOS SECTORES MÁIS PERXUDICADOS POLA SUBA DO IVE
Dende a Vicepresidencia da Deputación insístese que “a retirada da extra de Nadal aos funcionarios é sepultar ao sector servizos”
Outeiro afirma que “o Partido Popular prefire que a crise a paguen os autónomos, os funcionarios e os parados antes que os defraudadores”
Lugo, 16 de xullo de 2012. O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo,Mario Outeiro, denuncia que as medidas de recorte aprobadas polo Goberno do Estado “son perfectas para non saír da crise; están especialmente deseñadas para que a crise a paguen os autónomos os funcionarios e os desempregados e profundizar nas diferenzas entre os cidadáns”.
“Todas as políticas aprobadas polo Goberno central –continúa Outeiro- van ter o efecto contrario ao esperado pero, ademais, o anuncio e posterior debate da suba do IVE para o sector turístico, un dos que máis aporta ao Produto Interior Bruto español, é inoportuno polo momento no que se anunciou, en plena temporada alta, o que podería causar cancelacións ou intranquilidade entre posibles visitantes nesta mesma campaña de verán. O sector servizos será dos máis afectados pola suba do IVE e a retirada da paga extra de Nadal dos funcionarios”.
Dende a Vicepresidencia da Deputación provincial insisten en que a eliminación da extra de Nadal dos empregados públicos “rematará por sepultar ao sector servizos, en canto a campaña de Nadal era unha das máis fortes de todo o ano e que permitía a moitos negocios aguantar o resto do exercicio; sobre todo en cidades como Lugo, na que os empregados públicos supoñen máis do 27% dos traballadores en activo ”.
Mario Outeiro asegura que “fronte estas políticas de recorte, que van potenciar a economía somerxida, son precisas outras de incentivo aos emprendedores e os autónomos que son os que crean riqueza e que, sen embargo, son outros dos colectivos máis atacados polas políticas do Goberno do Partido Popular tras a decisión de elevar os módulos dos autónomos, en concreto, no réxime especial de recargo de equivalencia, obrigatorio para comerciantes autónomos que venden a un cliente final”.
“O executivo estatal insiste en atacar, e incluso insultar, aos máis débiles como aos desempregados. Na provincia de Lugo hai milleiros de persoas que a diario buscan un emprego e que non o atopan e que, coas medidas adoptadas,seguirán sen atopalo. Os datos do emprego non diminuirán reducindo a prestación por desemprego o que ademais repercutirá no consumo. Nos vindeiros meses veremos pechar moitos negocios e se incrementan os datos do desemprego e o único responsable desta desfeita será o Goberno de Mariano Rajoy”.
Outeiro conclúe preguntándose a cerca dos motivos polos que o executivo estatal prefire que paguen a crise os autónomos, os desempregados e os funcionarios en lugar dos defraudadores de facenda.