Máis de 850 lucenses realizaron viaxes en helicóptero no marco do programa Km0 impulsado pola Deputación
– A estes sumaránselle este sábado, 21 de xullo, outros 48, todos membros da AECC de Guitiriz, que gozarán dun recorrido en helicóptero por Ribadeo
– As catro rutas do programa medioambiental previstas para esta semana fortalecerán a actividade comercial e hostaleira dos municipios de Ribadeo, Viveiro e Mondoñedo
– A Deputada de Medio Ambiente recibiu este martes a un grupo da ANPA do colexio de San Miguel de Paradela, que fixo o itinerario Ría de Ribadeo
Máis de 850 veciños da provincia realizaron viaxes en helicóptero no marco da modalidade Xtreme do programa Km0 impulsado pola Deputación dende a súa posta en marcha. A estes, sumaranse este sábado outros 48, membros da delegación guitiricense da Asociación Española Contra o Cancro (AECC), que gozarán dun percorrido en aeronave por Ribadeo, dentro do recén posto en marcha Km0 Fin de Semana. O colectivo guitiricense iniciará a xornada dando un paseo pola praia das Catedrais. Logo, iniciaranse ós voos en Vilaframil e farán unha travesía en barco; actividades que continuarán á tarde logo de facer unha parada para comer no restaurante O Cabazo.
A modalidade Xtreme é, de feito, a máis demandada para as fins de semana deste mes de xullo, pois, ademais da viaxe deste sábado en helicóptero, están previstas actividades multiaventura para o sábado 28 de xullo, accións que xa se levaron a cabo o pasado 7 de xullo. A modalidade Xtreme inclúe outras opcións, como viaxes en globo, bicicleta de montaña, rutas en segway, tiro ó arco, escalada, vela, catamarán, kayak, esquí náutico, surf e windsurf, entre outras.
As catro rutas previstas para esta terceira semana de xullo, que terán lugar este martes, o mércores, o venres e o sábado, fortalecerán a actividade comercial e hostaleira a Mariña, en concreto dos municipios de Ribadeo, Viveiro e Mondoñedo. A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, recibiu hoxe ó primeiro grupo da semana: 48 integrantes da ANPA do colexio de San Miguel de Paradela, que fixeron a ruta Ría de Ribadeo. Trala recepción, que tivo lugar no Salón de Plenos do Pazo de San Marcos, achegáronse á Fundación TIC, dependente da Deputación de Lugo e situada na Rúa Frei Plácido Rei Lemos. A comida tivo lugar no restaurante O Cabazo para máis tarde realizar unha travesía en barco pola ría. Completou esta ruta unha subida no ascensor panorámico de Porcillán e unha visita ó casco histórico e ó Mosteiro das Clarisas.
A Mariña seguirá sendo o destino das outras dúas rutas da semana, solicitadas polo colectivo do Centro de Estudios do Corgo e por un grupo de 23 persoas anotadas de xeito individual. No caso do grupo do Corgo, 55 persoas farán mañá mércores a ruta Viveiro Histórico. Despois dunha recepción no organismo provincial, visitarán a Insua do Miño en Rábade e, xa en Viveiro, a Igrexa Santa María do Campo. Logo darán un paseo polo casco histórico da cidade do Landro para rematar cunha subida ó miradoiro de San Roque. A comida terá lugar no Val do Naseiro.
Pola súa banda, as 23 persoas inscritas en Km0 de xeito individual desprazaranse o venres a Mondoñedo, para gozar da ruta Rei Cintolo. Trala recepción na institución luguesa, o colectivo dirixirase á gruta mindoniense, comerá no Restaurante Padornelo e visitará o casco histórico da cidade.
Como anotarse
Todos os interesados en participar en Km0 poden inscribirse de xeito rápido e sinxelo chamando ó número de teléfono 982-26-00-74/75; ou entrando en www.deputacionlugo.org onde, dende a portada, deberán acceder ó espazo Km0, completar o formulario e envialo á km0@deputacionlugo.org. A continuación, poderán efectuar o pago, que será de 8 euros para grupos de menos de 24 persoas e individuais, e de 5 euros para grupos de máis de 24 persoas, quedando excluídos da modalidade de pago todos os colexios e institutos públicos. A institución facilita dúas modalidades de pago: persoalmente no servizo de Tesourería (Pazo de San Marcos) ou nas sucursais de NovaGalicia (co número de conta 20800152663110001425).
A reserva e pago das rutas tamén pode facerse a través da plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com da Deputación, onde o usuario ten que pinchar, á esquerda do portal, no apartado Ocio, onde atopará un link cos itinerarios. Optando por esta alternativa, os participantes teñen un desconto do 10% no custe das actividades.