O ALCALDE REUNÍUSE COS RESPONSABLES DA GARDA CIVIL, DA POLICÍA LOCAL E DE PROTECCIÓN CIVIL CO OBXECTIVO DE BUSCAR A MELLOR COORDINACIÓN PARA GARANTIR A SEGURIDADE DAS PERSOAS NOS DISTINTOS EVENTOS QUE SE CELEBRARÁN EN BURELA ESTE VERÁN. GONZÁLEZ BARCIA AGARGA QUE AS PRAIAS CONTEN CON SOCORRISTAS A VINDEIRA SEMANA.
Burela, 2 de xullo de 2012. O Concello foi escenario dunha xuntanza do alcalde, José Mª González Barcia, e o concelleiro de Protección Civil, Manuel Fernández Valle, cos responsables da Garda Civil, da Policía Local e de Protección Civil. A finalidade do encontro foi buscar a mellor coordinación para garantir a seguridade nos distintos eventos que se celebrarán en Burela durante o verán: a festa castrexa do vindeiro sábado, a romería do Monte Castelo, que terá lugar a última fin de semana de xullo, e Produart e a feira do bonito, que se celebran a primeira fin de semana de agosto.
González Barcia sinalou que “o que se busca é coordinar os recursos destes corpos de seguridade para garantir a seguridade das persoas que acuden a eses eventos”. O rexedor explicou que “tamén falamos da campaña de salvamento e socorrismo nas praias durante este verán. Os socorristas empezarán tan pronto como sexa posible, calculo que como moi tarde poderían incorporarse aos seus postos a principios da vindeira semana e o tempo de duración será de dous meses”. O alcalde de Burela transmitíulle á Garda Civil e a Policía Local “que os socorristas son a representación da autoridade nas praias, aínda que ás veces algún cidadán non lles fai caso e terán que requerir a presenza das forzas de seguridade para que as ordes e os consellos dos socorristas sexan atendidos polos usuarios dos areais. José Mª González Barcia contou que “outro dos temas abordados foi a vixianza e o control nas zonas de aparcamento este verán para evitar que se produzan furtos, sustraccións, etc”.
Para o alcalde burelés “estas reunións son boas porque sirven para coordinar servizos que afectan ao servizo dos cidadáns”. Estes encontros foron postos en marcha polo PP no seu anterior mandato no Concello de Burela.