O vindeiro mércores, día 11 de xullo, ás 20,30 horas vai ter lugar na librería BAHIA de Foz a presentación do libro O NAUFRAGO de Xosé Antonio Pet Posse. Nos confíns da Costa da Morte rexistráronse ó longo do século XIX naufraxios arrepiantes cuxos pormenores foron recollidos por cronistas locais e polos xornalistas daquela época. Despois un silencio de ultratumba, como unha lousa, condenounos ó esquecemento. O NAUFRAGO é a historia de Jhon Mac Barbour, un mozo escocés, tripulante do City of Agra, buque que se esnaquizou nos baixos de Canesudo (Arou-Camelle) o 3 de febreiro de 1897. É ademais, a crónica dunha época na que as xentes dos confíns da Terra arrastraban o fastío dos días entre penurias e supersticións. Xosé Antonio Pet Posse é natural de Ponteceso, a patria de Pondal. Escritor en galego e castelán é autor, entre outros, dos libros Portocco en el fin del mundo, Las gamelas de Fornelos, La taberna de Begantiños, Contos e Lembranzas, etc. Colabora ademais en diversas publicacións periódicas.
