As festas patronais de Cervo achéganse co programa cargado de eventos para todos os públicos
-Inclúe acontecementos multitudinarios como a XXXIV Queimada Popular, o XV Mercado Tradicional ou a VII Festa do Ovo Frito
Cervo, 9 de agosto de 2012-Música, degustacións gastronómicas como a Festa do ovo frito, rituais tradicionais como a Queimada Popular, deporte e actividades lúdicas para nenos e nenas son algunhas das moitas citas coa diversión e o entretemento que ten preparadas a comisión das festas de Cervo na honra da Nosa señora, San Roque e o Carme. O Concello, que colabora nesta celebración, e unha representación da organización, presentaron esta mañá o cartel desta festividade. En concreto catro asociación traballaron en conxunto no cartel, como son Airiños do Xunco, Comunidade de Montes, S.D. Cervo-Sargadelos e a Asociación de Veciños.
O programa comeza o luns días 13, con actos previos como a inauguración da exposición de manualidades ás 18:00 horas no Ecomuseo de Cervo. Nesta mostra pódense ver os traballos realizados polo alumnado dos cursos de bordado e costura, palillar, e manualidades que organiza a Asociación de Veciños Cervo-Sargadelos. A exposición pódese visitar todos os días das festas en horario de 18:00 a 20:30 horas, agás o sábado, que estará aberta todo o día.
O pregón, o martes 14 ás 20:00 horas, marcará o inicio oficial dos festexos. Media hora despois comezará a VII Festa do Ovo Frito, na que se servirán racións que inclúen dous ovos fritidos, patacas, chourizo e pan por un módico prezo. A organización prevé repartir máis de 1.000 racións nesta cita gastronómica que durará ata ben entrada a noite.
O mércores 15, día da Asunción, o día festivo arrincará coa misa solemne na honra á Nosa Señora e procesión da Virxe da Asunción e do Carme con ofrenda floral aos mariñeiros a partir das 13:00 horas. Unha hora máis tarde a orquestra Fin de Siglo amenizará a festa na sesión vermú. Pola tarde, a partir das 18:00 horas, dará comezo o Trofeo Sargadelos, que nesta ocasión enfrontará ao Club Deportivo Cariño e ao S.D. Cervo-Sargadelos. A música volverá ás 20:00 horas co Festival Folclórico no que Airiños do Xunco de Cervo e a Asociación Cultural Amigos da Gaita de Ribadeo ofrecerán actuacións de canto e baile tradicional. O día rematará coa verbena a cargo da orquestra Fin de Siglo.
O xoves 16 comezará coa misa solemne e procesión na honra de San Roque ás 13:00 horas. Ás 14:00 horas haberá sesión vermú, nesta ocasión coa orquestra Nueva Generación, que tamén estará na verbena.
As actividades do día 17 estarán dedicadas aos nenos e nenas. A partir das 18:00 horas, os pequenos estarán entretidos debuxando e asistindo a contacontos e unha hora despois comezará a festa da escuma e a Xuncada.
O sábado será o momento de dúas citas con moita tradición. Pola mañá, a edición número 15 do Mercado Tradicional de Cervo, que adoita concentrar a centos de persoas polas rúas da vila; e a Queimada Popular, de Interese Turístico Galego, que este ano chega á edición número 34 e na que se representa o ritual da queimada, que despois se sirve entre os asistentes. A noite rematará coa verbena a cargo da orquestra Océano e o Dúo Diamante.
“Unas fiestas cargadas de tradición, con numerosos eventos consolidados y un programa muy variado que anima a visitar y a quedarse en Cervo” asegura a edil de Cultura, Begoña Alonso, que convida “a cervenses y turistas a participar en la celebración y disfrutar del ambiente festivo que se respira durante todos estos días”, remata Alonso.