A CIG-Ensino denuncia que o PP na Xunta deixa aos centros educativos da Mariña con menos profesorado e menos recursos
Para este curso a Xunta do PP suprime cinco unidades de primaria e redúcese numeroso profesorado en secundaria
Con estes recortes, o alumnado estará peor atendido e medrará o fracaso escolar
Ribadeo, a 16 de setembro de 2012.- A CIG- Ensino denuncia os recortes en educación da Xunta de Galiza gobernada polo PP para este curso escolar e o deterioro do ensino público na nosa comarca. Despois de iniciado o curso en primaria e secundaria, a CIG constata –como xa advertiamos en xullo- que para este curso hai unha redución elevada de profesorado, máis supresións de unidades escolares, máis agrupamentos de alumnado de distintas idades e menos atención especializada do alumnado.
A Xunta do PP suprime 7 prazas de mestres nos centros de Infantil e Primaria da Mariña, que terán 5 unidades menos que o ano pasado. Cos novos agrupamentos impostos desde a Xunta, coa non cobertura das baixas os 10 primeiros días ou a ampliación dos horarios, xunto coa amortización de prazas por xubilacións e o aumento de prazas itinerantes, a calidade educativa vaise ver moi resentida, á vez que se darán situacións claramente discriminatorias. “Unha vez máis Feijoo mentiulle aos galegos e galegas cando afirmara que as novas rateos non se ían aplicar en Galiza e que os recortes non ían tocar a educación” afirma Dores Fernández Abel, secretaria da CIG-Ensino da Mariña. A situación vese moi agravada en todos os centros, pois os profesores, ademais das funcións educativas, teñen que levar a cabo outras que non son propiamente súas, como son as de custodia do transporte ou todas as labores administrativas do centro (isto último nos de infantil e primaria, situación que a CIG ten denunciado e demandado a súa solución dotando aos centros de persoal administrativo).
Aínda é peor a situación nos centros de Secundaria da comarca. A CIG-Ensino xa denunciara que a Consellaría se dirixiu ás direccións dos centros educativos para indicarlles que recortaran un 10% do profesorado, sen dar máis explicacións. Para a CIG esta forma de actuar desde o goberno da Xunta dá a medida do pouco que lle importa ao PP o ensino público e a súa calidade. A redución máis importante prodúcese pola integración de dous institutos en Ribadeo que pasan de ter 78 profesores/as a 53 e que deixa sen traballo a moitos interinos e interinas que o ano pasado cubrían esas prazas. Son tamén importantes a redución de profesorado no IES Vilar Ponte, con 5 profesores menos que o ano pasado, ou o IES María Sarmiento con 6 profesores menos. En total, este ano os centros de secundaria da Mariña contarán con 42 profesores menos que o curso pasado, habendo un número de alumnos superior. Se contabilizamos o profesorado reducido nos últimos 3 anos de goberno popular da unha cifra máis de 80 profesores e profesoras menos. A esta enorme redución de prazas hai que sumar a non cobertura das xubilacións que se producen, o aumento de prazas compartindo centros, así como que existen neste curso 11 prazas suprimidas (sen contar as que poden saír da integración dos institutos de Ribadeo), a extinguir nun futuro, co que os profesores desas prazas quedan en situación de desprazados por falta de horario. Hai que engadir que na adxudicación definitiva quedou profesorado con oposición, pero sen posto definitivo, sen colocar por ter recortado a Consellaría tanto as prazas. No caso de Filosofía quedaron sen colocar 14, e no caso de Lingua e Literatura Galega, 20.
Ao mesmo tempo, incrementarase o número de afíns a impartir polo profesorado, aínda non sendo da especialidade, e a obriga de ter que compartir centros, co conseguinte empeoramento das condicións laborais e a perda na calidade do ensino. Podemos poñer numerosos exemplos como no IES de Ribadeo, onde o profesor de Plástica impartirá tamén Educación Física; no IES da Pontenova o profesor de Educación Física vai ter que dar como afín Matemáticas; no IES Vilar Ponte o profesor de Tecnoloxía impartirá tamén Física; no IES San Rosendo un profesor de Inglés impartirá Historia; no IES de Foz, Música con Lingua Castelá. Noutros casos Grego con Filosofía, Música con Historia, etc, etc.. En moitos casos, o profesorado terá que dar máis de 1 afín. En termos globais, neste curso máis do 25% do profesorado terá que impartir outra materia diferente da súa especialidade.
Para Dores Fernández Abel, secretaria da CIG-Ensino da Mariña “todas estas situacións, que o único que buscan é reducir profesorado, son desde unha perspectiva pedagóxica e educativa totalmente negativas e provocarán máis fracaso escolar e máis conflitividade nos centros.
Desde que Feijoo chegou ao goberno da Xunta os centros de primaria e de secundaria da Mariña reduciron o seu persoal en case 100 profesores/as menos, suprimíronse máis de 10 unidades escolares, pecháronse catro escolas unitarias e varios comedores escolares ou elimináronse ciclos formativos de formación profesional. Todo para deteriorar cada vez máis o ensino público e beneficiar aos centros da privada, para que só teñan dereito a estudar en condicións os que teñan cartos ou vivan nas cidades” afirma Dores. “Ë vergoñento que o ministro de educación do PP declara que vai cambiar a lei para poder seguir subvencionando centros que discriminan ao alumnado por razón de sexo”
Para a CIG-Ensino, todas estas decisións da Xunta para este curso escolar confirman que o PP segue coa súa política de recortes no ensino público que irán en detrimento da calidade do ensino e do dereito do alumnado a recibir este servizo público en igualdade de oportunidades, ademais de aumentar o paro e afondar na recesión económica xeral do pais.
























A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).
Durante tres días desfrutan dun programa intenso de actividades na natureza: montaxe e desmontaxe do campamento, surf en Esteiro, tiro con arco, xincana e diversos xogos. A iniciativa está promovida polas Concellerías de Xuventude e Deporte xunto coa Oficina de Información Xuvenil.
Olimpia López, supervisou hoxe en Cospeito un control da campaña de velocidade da DGT, que busca previr sinistros nun verán de maior tráfico. Lembrou que a velocidade inadecuada está presente no 22 % dos accidentes mortais e apelou á responsabilidade dos condutores: cada km/h conta para salvar vidas.
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.
Estiveron acompañados polas técnicas de xuventude Mónica López Sanjurjo e Silvia Rodríguez Barreiro, para gozar das diferentes piscinas e tobogáns deste parque acuático. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa Verán a Tope en Xove 2026.
O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
O evento, organizado pola Asociación Cultural Xuvenil O Castelo reuniu a numerosos veciños e visitantes e celebrouse durante catro días. A programación incluíu actuacións musicais, actos relixiosos, xogos tradicionais e unha comitiva da camións, coches e motocicletas que percorreron todas as parroquias deste concello mariñán.



