Gómez Besteiro: “Esta declaración institucional simboliza o respaldo unánime de toda a provincia a Alcoa”
– Ante a presenza do comité de empresa da fábrica de San Cibrao, a Corporación acordou instar ó Goberno central a presentar antes do 5 outubro unha solución ó problema da tarifa eléctrica para garantir a continuidade da fábrica e os seus 2.000 empregos
– O Pleno, coa oposición do PP, instou á Xunta a aboar ós Concellos de menos de 20.000 habitantes as achegas necesarias para manter os servizos sociais, posto que non foi quen de asinar coa Deputación o Convenio de Colaboración nesta materia ó que se comprometeu
– Segundo a información económica abordada na sesión, o organismo provincial leva adxudicado no primeiro semestre do ano o 62% do orzamento de gastos e está a pagar ós provedores nun prazo medio de 30 días, 10 antes que o esixido pola Lei
O Pleno provincial aprobou esta mañá, ante a presenza do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, unha declaración institucional consensuada polas tres forzas políticas da Corporación –PP, PSOE e BNG- que “simboliza o respaldo unánime de toda a provincia a Alcoa”, subliñou o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro. No texto acordado, o organismo provincial insta ó Goberno do Estado a presentar antes do 5 de outubro unha solución ó problema da tarifa eléctrica co fin de garantir a continuidade da fábrica sancibrense e os seus 2.000 empregos. “Máis alá das declaracións que escoitaremos de todo tipo de responsables políticos, toda a provincia apoia a Alcoa e traballaremos todos xuntos para solucionar un problema que afecta a unha empresa tan importante dende o punto de vista económico e de xeración de emprego”, asegurou o Presidente.
A proposta advirte de que fixar unha nova tarifa eléctrica reducida para os grandes consumidores é “un asunto de máxima importancia ao que se lle debe dar resposta e alternativas de xeito inmediato”, pois, de non arbitrarse, pode desaparecer “unha empresa clave no tecido empresarial da provincia de Lugo, que representa o 35% do PIB lucense, xera 2.000 empregos e ten un impacto forte na economía local do territorio que abrangue todo o Norte de Galicia”.
A presentación desta iniciativa dá resposta á petición formal que realizou o comité de empresa da planta cervense de Alcoa a tódolos Concellos da provincia e á propia Deputación para que aprobasen nos seus plenos con carácter urxente unha proposta sobre o establecemento dunha tarifa enerxética competitiva que permita a continuidade da fábrica mariñana. Neste sentido, a Deputación secundou tódolos actos reivindicativos convocados polos traballadores.
Polo desbloqueo dos servizos sociais
O Pleno aprobou por outra banda, coa oposición do PP, a proposta do Equipo de Goberno na que insta á Xunta a manter o seu investimento en servizos sociais na provincia de Lugo, aboando ós Concellos de menos de 20.000 habitantes as cantidades necesarias para garantir as prestacións, igual que o viña facendo ata este ano.
Na proposta exponse que a Xunta non foi quen de sacar adiante o Convenio de Colaboración en Servizos Sociais coas Deputacións ó que se comprometeu antes da convocatoria electoral e, tras fixarse a cita coas urnas, “resulta dubidoso que un goberno interino poida asinar convenios deste calado”. Por iso, como alternativa para desbloquear as achegas e tendo en conta a gravidade da situación económica dos municipios, familias e profesionais, o Goberno provincial reclámalle ó autonómico que lle ingrese directamente ós Concellos as cantidades necesarias para garantir os servizos sociais comunitarios, tal e como veu facendo ata este ano.
Na mesma proposta, o organismo provincial tamén lle esixe ó galego que indique que a negociación e sinatura do Convenio de Colaboración -ata o de agora bloqueado pola súa parte- sexa resolta polo goberno resultante do proceso electoral, con vista á súa aplicación no vindeiro período orzamentario.
O texto recalca neste senso a importancia de garantir as prestacións sociais nunha provincia na que o 34% da poboación –un total de 119.408 cidadáns- supera amplamente os 60 anos, e vive maioritariamente en núcleos illados e diseminados, destacando ademais a capacidade de xerar emprego que teñen estes servizos.
“Solucións, fronte a desgoberno”
A proposta aprobada hoxe no Pleno na que a Deputación insta á Xunta a aboarlle ós Concellos as cantidades necesarias para manter os servizos sociais é unha mostra máis do interese do Goberno provincial en buscar solucións técnicas e socialmente posibles, fronte “á liña errática da Xunta e falta de vontade política, que se traduce nun baleiro de xestión e nunha situación de desgoberno”, afirmou o voceiro socialista do Goberno provincial, Manuel Martínez, quen defendeu a iniciativa. Así o demostra, segundo o Deputado, a cronoloxía da actuación do Executivo galego:
– En marzo “impuxo, por arte de birlibirloque”, o Decreto 99/2012 regulador dos Servizos Sociais Comunitarios e o seu financiamento, “unha chapuza legal” coa que “a Xunta unicamente pretendía deixar de aboar os cartos deste ano e trasladar esta competencia ás Deputacións e Concellos, desentendéndose así da xestión dos servizos sociais comunitarios nos municipios de menos de 20.000 habitantes, que, no caso da provincia de Lugo, son todos agás o da capital”.
– A Deputación, tras a pertinente tentativa de entendemento mediante o requirimento efectuado ó Goberno galego con data do 14 de maio, e ante o silencio da administración autonómica, viuse na obriga –en garantía do interese xeral da provincia e dos lucenses- de interpor un recurso contencioso–administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia; recurso que vén de ser admitido a trámite por este Tribunal (o pasado 6 de setembro).
– No mes de xuño, Gómez Besteiro fixo que a Xunta rectificase e elaborase un novo protocolo de colaboración permanente coas Deputacións galegas, no que, entre outros asuntos, se modificou o financiamento dos Servizos Sociais para axustalo á Lei. Besteiro acordou este cambio na reunión que mantivo con Feijóo antes da sinatura do mencionado protocolo, un acto no que estiveron presentes os titulares das restantes deputacións galegas e o Presidente da FEGAMP. Nese protocolo, entre outros temas, acordábase que no prazo de un mes se subscribiría un Convenio de Colaboración entre a Xunta de Galicia e cada unha das administracións provinciais en materia de Servizos Sociais.
– O Executivo galego remitiu un borrador de convenio en xullo, sendo estudado e analizado de xeito inmediato pola Deputación. De feito, no mesmo mes, o organismo lugués remitiulle ó Executivo galego unha contestación propoñendo ideas e adxuntando os informes dos servizos implicados. A día de hoxe, a administración autonómica nin tan sequera acusou recibo e tampouco respondeu ás cuestións plantexadas. Por iso, e trala convocatoria electoral, a Deputación luguesa plantexa como alternativa ó Convenio que os fondos destinados a servizos sociais lles sexan ingresados directamente ós Concellos.
Ademais, segundo recolle a proposta do Goberno provincial, a Deputación non se limitou a plantexar en todo momento cuestións técnicas en defensa do interese dos lucenses, senón que aprobou unha achega de 600.000 euros para sustentar a Axuda no Fogar, un 24% máis que a Xunta no 2011.
Situación económica
No Pleno abordáronse catro informes sobre a situación económica da Deputación, que recollen os seguintes datos, expostos pola Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto:
– No primeiro semestre do ano o organismo provincial recuperou a estabilidade orzamentaria, é dicir, o equilibrio entre os gastos e os ingresos non financeiros. Ó finalizar o 2011, na Liquidación, a Deputación entrou en inestabilidade (os gastos non financeiros eran superiores ós ingresos non financeiros), avanzando xa nese momento que era algo puntual, e que o solucionaría cun Plan Económico Financeiro, un plan que, de feito, aprobou no Pleno de xuño. A estabilidade recuperouse xa o pechar o primeiro semestre deste ano 2012, co que a Deputación garante a súa sostibilidade económica, pois non depende de préstamos bancarios para afrontar os gastos.
– A Deputación leva adxudicado no primeiro semestre do ano o 62% do Orzamento de gastos, un nivel de execución moi superior ó rexistrado noutras épocas co ano pechado: por exemplo, os anos 2005 e 2006 acabaron cun 58% do Orzamento de gastos adxudicada a final de ano.
– Segundo o informe do segundo trimestre do ano que foi a este Pleno sobre o pago a provedores, a Deputación está pagando nunha media de 30 días, dez antes dos 40 días esixidos por Lei para este 2012.
A única Deputación que colabora con tódalas confrarías
Con respecto á moción do Grupo Popular relativa ó incremento de apoio económico da Deputación ás confrarías lucenses, que foi rexeitada, o voceiro socialista do Goberno provincial subliñou que “a competencia exclusiva” en materia de pesca e marisqueo corresponde á Xunta de Galicia. Neste senso, Martínez reprochou á Xunta “que non queira asumir ningunha competencia, nin as de servizos sociais, nin as de pesca… todo lle traslada ós Concellos e á Deputación. Ó mellor non había que pensar en pechar as Deputacións, senón a Xunta porque, con Feijóo, non vale absolutamente para nada”.
Alegou así mesmo que a de Lugo “é a única Deputación de Galicia que colabora con todas as confrarías da provincia por igual, e a primeira que ten concedidas este ano as axudas a todos os pósitos de Lugo”.
Esta colaboración por igual coas confrarías lucenses, argumentou o Deputado, contrasta coa situación dada nos últimos anos de goberno do PP, “nos que tan só colaboraba con unha confraría, a do Vicedo, achegándolle 12.000 euros ó ano”, e coa que se produce nas outras Deputacións galegas:
– A Coruña: A partir de 2011, só colaborou con 11 das preto de 40 confrarías da súa costa, e este ano, a pesar de que as axudas están convocadas dende febreiro e o prazo de presentación de solicitudes xa rematou en marzo, actualmente, nin están resoltas, nin hai data prevista para a súa resolución neste 2012.
– Pontevedra: En 2011 só lle concedeu axuda á confraría de Bueu, e non hai convocatoria pública, como no caso da Deputación.
Polo que respecta á Xunta, “a única que ten directamente as competencias na materia”, insistiu Manuel Martínez, adebeda “un mínimo de 1,5 millóns de euros ás confrarías galegas, débeda correspondente ó retraso de máis de 8 meses que leva no pago das axudas de vixilancia e asistencia técnica correspondentes ó ano 2011”, argumentou o Deputado.




















Estes recitais, protagonizados por músicos da contorna, nunca defraudan. Sen grandes nomes internacionais, pero cunha sensibilidade musical exquisita, ofrecen sempre unha experiencia artística de gran calidade. Por iso, quen asista gozará dunha nova xornada dentro do Programa Adral, que a Xunta de Cofradías promove con tanto entusiasmo.
O Concello destaca a oportunidade que supón para impulsar a hostalaría local e felicita ás persoas galardoadas pola súa contribución á gastronomía asturiana.
Este texto é o froito de varios anos de investigación e convida profesionais da educación, terapeutas e persoas curiosas a descubrir como o traballo coa arxila libera traumas e favorece unha transformación persoal profunda. Ao remate do acto servirase un viño e un pequeno petisco.
A continuación, as persoas que desexen continuar a conversa e compartir un tempo de convivencia poderán anotarse á comida que se celebrará na Casa da Penela.
Pasados dez minutos das 15 horas deste martes, un particular alertou ao 112 Galicia dun coche envorcado fóra da vía en San Martiño de Ferreiros, Pol. Aconteceu no quilómetro 3 da LU-750, e a única persoa implicada permanecía atrapada no interior. De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Vilalba, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros actuaron para liberar á persoa, que foi evacuada en ambulancia polos profesionais sanitarios desprazados ata o lugar.
Unha comedia orientada para público infantil escrita e dirixida por Bea Campos. Hora: 18h.
O investigador achegarase a Ribadeo para falar sobre Urraca, considerada por moitos a emperatriz de todos os galegos e galegas. A entidade xa coñece o bo facer de Picallo, pois en anteriores ocasións participou como ilustrador nas presentacións das novelas Ao sur da liberdade e Entre a vontade e o destino, de Xosé Henrique Costas, deixando unha excelente impresión. Nesta ocasión, o público poderá escoitar ao Picallo historiador, que achegará novos datos sobre o reino de Galiza, unha realidade histórica que durante anos permaneceu agochada e que hoxe se recupera grazas a publicacións e investigacións como a súa.



