A suba do IVE “imposta por Rajoy” incrementa os gastos da Deputación en 2 millóns de euros máis ó ano
– A Xunta de Goberno aprobou o inicio dun reaxuste orzamentario para tentar compensar con excedentes doutras partidas a suba do IVE co fin de manter as prestacións ós Concellos
– Martínez salientou que “o PP sae moi caro ós cidadáns xa que non lles ofrece resultados senón que lles impón novos e máis custes. O Partido Popular de Lugo é o grupo político máis caro da provincia, ó custarlle ós veciños máis de 1,3 millóns de euros ó ano”
– A institución reforza a vixilancia no contorno do San José logo de que a Xunta desaloxase este inmoble dous anos máis tarde do acordado, facendo que a súa débeda coa Deputación se incrementase este ano ata os 3,1 millóns de euros e ata os 14,4 millóns ata 2015
A Xunta de Goberno deste venres aprobou a posta en marcha do reaxuste orzamentario do Presuposto da Deputación para 2012 con motivo do suba do IVE aprobada polo Goberno Central xa que, tal e como explicou o voceiro provincial socialista, “isto obríganos a aplicar a todos os contratos de obras e servizos nos Concellos lucenses unha taxa do 21%, fronte ó 18% co que contaban”. Manuel Martínez destacou que, tomando como referencia os investimentos do 2011, “o custe económico imposto por Rajoy suporá un aumento dos gastos en 2 millóns de euros máis que o ano pasado”. Mentres en 2011 a institución pagou polo IVE 10 millóns de euros, este ano aboará 12 millóns de euros. Ante esta situación, o organismo provincial realiza este reaxuste orzamentario para tentar compensar con excedentes doutras partidas a suba do IVE co fin de manter as prestacións ós Concellos.
Neste senso, o voceiro indicou que “as medidas de Rajoy, ó igual que as de Feijóo, están a asfixiar ás entidades locais, ás que impoñen a dotación de novos servizos ós cidadáns, o mellor exemplo é o Decretazo de Servizos Sociais, sen o financiamento económico correspondente para facelo e como menos cartos. Os actuais Gobernos Central e Autonómico son os Executivos máis caros da historia da democracia. Só coa suba do IVE, Rajoy destruirá 20.000 empregos en España ó detraerse o consumo. Grazas ó incondicionable apoio que lle brinda Feijóo, cada familia galega pagará uns 400 euros máis ó mes, cifra que aumentará ata ós 1.300 euros, no caso dunha familia que viva da actividade agrogandeira, piar da nosa economía”.
“O PP sae moi caro ós cidadáns”
Martínez engadiu que “o PP sae moi caro ós cidadáns xa que non lles ofrece resultado algún, senón que lles impón novos e máis custes. Fíxense, a Executiva Provincial do PP de Lugo cústalle ós veciños máis de 1,3 millóns de euros, sendo o partido político máis caro da provincia. Todos os seus integrantes cobran, ou cobraron, das seguintes administracións: Xunta, Estado e, como non, da Deputación. Por primeira vez na historia da institución provincial, a oposición cobra e ten asesores. Así o impuxeron cando se negociaron as retribucións, mantendo 3 dedicacións exclusivas e incrementando os gastos de partido en 1.500 euros máis ó ano. Pola contra, no Goberno Provincial rebaixamos nun 30% os nosos soldos e nun 20% os custes de asesores, no caso da Presidencia. O PP é a oposición máis cara da historia da Deputación. A voceira do Partido Popular recibe máis de 50.000 euros ó ano, ó mesmo que calquera responsable de área, cando o seu traballo é infinitamente menor e non acude a Comisións Executivas do Inludes, mesas de contratación ou reunións da Fundación TIC. É a Deputada máis cara”. Con todo isto, Martínez destacou que “non veña agora o señor Barreiro a darnos leccións de austeridade. Deberíalle caer a cara de vergoña por recibir 120.000 euros ó ano con resultados cero, e cando é coñecedor de que mentres o PP dirixiu a Deputación contratou a ducias de persoas a dedo, tendo hoxe familias enteiras, ó igual que na Deputación de Ourense, traballando nesta institución. Esta é a dobre moral do PP, un partido que só mente e manipula”.
Reforzo da vixilancia do contorno do San José
A sesión acordou a contratación dun sistema de videovixilancia para o contorno do Hospital San José, a Escola de Imaxe e Son e o primeiro centro de Invocación Social en Galicia, por valor de 44.770 euros. Trátase dun rigoroso sistema, composto por unha rede de cámaras e de sensores láser, que estará en funcionamento entre os meses de decembro e xaneiro, unha vez finalizados os complexos traballos de instalación. Ata esta data, gardas, porteiros e brigadas de mantemento continuarán, como xa o están a facer na actualidade, a realizar turnos para manter vixiado todo este perímetro. Martínez remarcou que “reforzamos, deste xeito, a vixilancia no contorno do Hospital San José logo de que a Xunta desaloxe este inmoble provincial hai tan só uns días, cando prometera facelo o 1 de xaneiro de 2011.
Máis débeda en 2012
“A falta de palabra do Goberno galego”, subliñou o Deputado, que durante case dous anos máis aló co prometido e acordado mantivo servizos sanitarios no San José e durante máis dun ano ós doentes no San Rafael, fixo que a débeda da Xunta coa Deputación polos hospitais se incrementase, este ano, ata os 3.150.000 euros. Desta cantidade, 2,5 millóns de euros son os cartos que o Goberno galego debía pagar, “xa no primeiro trimestre de 2012 e que aínda non o fixo”, tal e como recolle o convenio ratificado por Deputación e Xunta para pór fin á débeda que acumulada pola xestión do San José e San Rafael dende 2005 e ata 2011, periodo pendente de pago. A restante cantidade, 650.000 euros, derivan dos gastos ocasionados pola ocupación dos edificios logo de xaneiro do ano pasado. Hai que lembrar, que os doentes do San Rafael estiveron nestas instalacións ata o 15 deste mes febreiro e que os departamentos de Saúde Mental, Hospital de Día, Mamografía e Transtornos Mentais Severos no San José ata o 1 de setembro. Durante este tempo, a Deputación asumíu os gastos de mantemento, por exemplo servizos de calefacción, auga ou comida…, que agora debe devolver o Executivo galego.
Martínez informou que, ademais destes 3,1 millóns de euros, “que esperamos que, aínda que cun retraso de máis de medio ano, nos pague a Xunta en 2012 como lle corresponde”, o Goberno galego tamén debe aboar á Deputación, tal e como dicta o convenio que asinou para rematar coa débeda polos hospitais, outros 11.300.000 euros, distribuídos en tres anualidades (2013, 2014 e 2015), de 3.760.000 euros cada unha. Isto supón, que o Executivo autonómico adebeda á Deputación un total de 14,4 millóns que euros polos hospitais, que ten que ingresar de aquí ó 2015.



















Baixo o título “A guerra en Oriente Medio. Do xenocidio en Palestina á agresión a Irán”, o analista internacional Duarte Correa ofrecerá unha intervención centrada na evolución do conflito, o impacto humanitario e as implicacións xeopolíticas da escalada bélica na rexión.
A proba, organizada polo CP Altrúan, reunirá 137palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García achegouse esta tarde a Ribadeo para presentar a proba, que comezará ás 15.30 coa saída dos prebenxamíns e benxamíns. A continuación e de forma escalonada, desenvolveranse as probas das categorías infantil, alevín e cadete e xuvenil.
A partir das 19:45 horas abrirán a xornada o Cuarteto Illa Pancha e Tradigalu, mentres que desde as 20:00 horas se poderán degustar hamburguesas á parrilla, bocadillos de panceta e chourizos asados. Xa pola noite, ás 21:30, tomarán o relevo Mi Rollo es el Rock, antes da tradicional fogueira de San Xoán, prevista para as 00:00 horas. A celebración, organizada por A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, inclúe tamén o sorteo dunha paleta de cocho e contará con aparcamento habilitado no Estanco da Praia do Torno.
A Garda Civil de Burela tomou declaración este 10 de xuño a unha representante do departamento en liña de Porcelana de Sargadelos, que denunciou unha estafa na que se emprega a imaxe da empresa para enganar clientes. Segundo explicou, desde finais de abril están a aparecer páxinas web falsas con descontos do 80% e perfís fraudulentos en redes sociais como Instagram, TikTok e Facebook, a través dos que varios usuarios xa foron estafados. A compañía presentou denuncias contra distintos dominios e contas, das que só unha continúa activa, e achegou tamén os rexistros da marca e as comunicacións realizadas ante Meta. A denuncia foi formalizada no cuartel da Garda Civil de Burela, onde quedou incorporada ás dilixencias abertas polo corpo.
O deputado galego Francisco Millán Mon explicoulles o día a día da súa actividade nesta cámara e a importancia da Unión Europea para Galicia e viceversa. Desde a dirección do centro agradecen “a súa exposición e o trato dispensado ao alumnado e profesorado desprazado a Bruxelas”. Neste 2026 cúmprense 40 anos da adhesión de España á Comunidade Económica Europea, así se denominaba naquel momento. O IES de Ribadeo é Escola Mentora do Programa Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo.
Foi unha xornada máxica na que a música e a convivencia se deron a man nunha contorna única. Os instrumentos de corda encheron de melodías os xardíns do centro, creando unha atmosfera especial que emocionou ao público asistente e puxo en valor o talento e a ilusión da mocidade. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, non quixo perderse esta cita tan especial e desfrutou da tarde xunto ás persoas usuarias, e o persoal do centro. Durante o encontro, agradeceu o convite e felicitou á organización por promover actividades que fomentan a cultura, a inclusión e os espazos de encontro entre a veciñanza.
A mostra, aberta na sala de exposicións do Auditorio Municipal de luns a venres entre as 18:00 e as 22:00 horas, reúne preto de 30 obras de artistas emerxentes e consolidados, ofrecendo diversas miradas sobre a paisaxe, a identidade, a memoria e a realidade contemporánea. A alcaldesa, Marta Rouco, destacou o valor de que Vilalba forme parte desta programación compartida e o impacto positivo que supón para a actividade cultural local.



