IVÁN MARRUBE ESTÁ SATISFEITO DO TRABALLO REALIZADO NA CAMPAÑA ELECTORAL E SALIENTA OS BOS RESULTADOS ACADADOS NOS CONCELLOS ONDE OS CANDIDATOS SON MÁIS COÑECIDOS, COMO ALFOZ.
Lugo, 22 de outubro de 2012. O cabeza de lista de Compromiso por Galicia, Iván Marrube, está satisfeito do traballo realizado pola súa candidatura durante a campaña electoral tendo en conta a escaseza de medios económicos desta formación política recentemente creada. Ademais salienta que nos lugares onde os candidatos son máis coñecidos acadaron bos resultados, como no caso de Alfoz, onde CxG foi a terceira forza.
Marrube explicou que dende Compromiso por Galicia “non podemos facer unha análise nas mesmas claves que outros partidos máis grandes, que teñen outro tipo de infraestructuras económicas e organizativas. Entón eu estou moi satisfeito polo traballo realizado, o noso obxectivo era darnos a coñecer, que Compromiso por Galicia fose o máis coñecido posible para intentar darlle solidez a este proxecto, que naceu prácticamente hai moi pouquiños días. É un proxecto que estamos aínda construindo organizativamente e construido liderazgos políticos”.
Iván Marrube tamén salientou que “alí onde nos coñecían sacamos bos resultados; podémolo ver no concello de Alfoz, onde Compromiso por Galicia foi a terceira forza política e vémolo ao longo de Galicia nos concellos onde temos representación, o que nos enche de satisfacción”.
“Somos coñecedores das nosas limitacións comparado cos outros partidos que se presentaban, sobre todo a nivel económico, porque prácticamente non puidemos ter recursos, nutrímonos coas aportacións que a nivel particular facíamos os componentes da formación”, manifestou Marrube, quen rematou a valoración explicando que “medindo nun baremo todo de forma obxectiva e tendo en conta que o noso obxectivo era darnos a coñecer, sentar as primeiras bases, poñer as primeiras pedras dun proxecto político que ten proxección de aspirar a un gran abanico do electorado que non está cuberto actualmente, como se puido observar nos resultados electorais. Resúmese todo nunha satisfacción tanto persoal como colectiva”.