Os Billardeiros Musicais moi afinados na Ponte de Outeiro, Muimenta
Impresionante esceario, día soleado e acolledor, achega masiva de palanadores e a modélica organización da asociación Carabullo, ca colaboración de Xotramu e da Asociacion de Veciños, foron ingredientes dabondo para que os amantes da billarda disfrutasen dunha auténtica xornada festeira na Ponte de Outeiro (Muimenta).
Sobre un terreo de herba, longo abondo para por en dificultades aos especialistas en varados (que non foron quen de facer ningún), xogouse a 2ª xornada da Liga Nacional de Billarda. Moitas caras nova e algúns xa veteráns que retomaban o pulso da competición.
Un total de 60 palanadores na disputa dos artísticos trofeos e dos puntos en xogo para acadar os mellores postos na táboa de clasificación. Un 20 % , ou sexa 12, eran mulleres, que a modiño van tamen entrando na competición.
Feito o sorteo para os emparellamentos, comenzou o xogo que se alongou mais do previsto por mor das dificultades do campo. As billardas avanzaban con dificultade. Cando os golpexos eran rasos, facían que as mais da veces ficaran chantadas como espetos os pes do desesperado palanador, pola contra si se golpeaban cara arriba, corríase o risco de mandalas fora polo lateral ó regato que dicurría ao caron da pista. Foron moitas as que tiveron que ser rescatadas do rio cun esquieiro, que para tal efecto xa estaba preparado.
Remataron o aberto con pleno de victorias catro xogadores: Franco e Markytos (Billardieros Musicais), Javi (Carabullo) e Regueiro (Troitas Bravas) que a falta xa da luz natural, tiveron que desfacelo empate a catro carreiras casi as apalpadas, alumeados so polos focos do centro social pero sobre todo polos berros dalento dos seus compañeiros. Sobresainte actuación do local Javi, que se mantivo na loita ata o derradeiro golpe. Finalmente Franco quedou fora e o podiu rematou con Markytos primeiro, Regueiro segundo e Javi terceiro.
Para rematala xornada, entrega de premios e pinchos a esgalla incluido un fantántico churrasco e bo viño E por suposta foliada con música e baile tradicional ata perto da media noite.
Os “Billardeiros Musicais” foron os grandes triunfadores da xornada (fixeron 37 dos 40 puntos posibles), o que os leva o primeiro posto na táboa xeral con 63 puntos, seguidos por “Os Outros” con 60 puntos e por “Carabullo” con 52 puntos.
A clasificación xeral individual logo desta 2ª xornada queda así: Regueiro 19 puntos, Charli e Daniel 18 puntos, Richard 17 puntos, Eric, 16 puntos.
En varados non cambia nada: Charli, Eric e Regueiro 3 varados, Martiño 2 varados e once xogadores mais con 1 varado.
A vindeira xornada será o sábado 27 de outubro an 16,00 h en A pontenova que ostenta o record de participación. Superarémolo desta volta?