Lugo acolle dende este venres o III Congreso Ibérico do Lobo
– Sonsoles López Izquierdo e Martiño Cabanas presentaron está mañá a terceira edición do Congreso Ibérico do Lobo, que se celebrará en Lugo entre os días 23 e 25 deste mes e que reunirá a reputados investigadores europeos
– A Deputada destacou a importancia do apoio a iniciativas coma este Congreso, xa que contribúen a “divulgar a riqueza natural que agocha a provincia, a cal supón ademais unha oportunidade económica de primeiro nivel”
– Os interesados en participar aínda poden formalizar a súa inscrición nalgunha das prazas que restan por cubrir a través da páxina web www.congresolobo.org
A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, acompañada polo Vicepresidente da Asociación Galega de Custodia do Territorio, Martiño Cabana, presentou esta mañá no Salón de Actos da Deputación de Lugo o III Congreso Ibérico do Lobo, que reunirá na Facultade de Veterinaria de Lugo, do 23 ó 25 de novembro, ós máis reputados expertos europeos no estudio deste animal.
Este Congreso, organizado pola Asociación Galega de Custodia do Territorio e coa colaboración da Deputación de Lugo, celébrase por primeira vez en Lugo e, nel, recoñecidos investigadores procedentes de España, Italia, Gran Bretaña, Francia e Inglaterra poñerán sobre a mesa os resultados dos seus últimos traballos, emprendidos dende diferentes puntos de vista, coma os da ecoloxía, a bioloxía, así como a xestión e conservación do medio natural deste mamífero ou a súa interrelación co home.
Tal e como destacou López Izquierdo, a suma de esforzos entre a institución provincial e colectivos lucenses coma a Asociación de Custodia do Territorio, dan como resultado iniciativas coma este Congreso, que contribúen a “divulgar a riqueza natural que agocha a nosa provincia, a cal supón ademais unha oportunidade económica de primeiro nivel”. A Deputada quixo subliñar a aposta do organismo provincial pola conservación do territorio, tendo entre as súas prioridades asuntos coma a “xestión sostible da auga, o ecoturismo, as enerxías renovables ou os servizos medioambientais”, que son algunha das estratexias que leva impulsado o actual equipo de goberno mediante a aplicación, “tanto de fondos propios coma de fondos europeos”. Así mesmo, lembrou que este Congreso “vai ser unha ocasión excepcional para o debate, para a posta en común de diferentes puntos de vista sobre a xestión adecuada deste animal, que segue a ser un tema controvertido”
Martiño Cabana, Vicepresidente desta Asociación que ten entre os seus obxectivos a recuperación do patrimonio natural, destacou a importancia da colaboración prestada por administracións coma a Deputación de Lugo, que aporta 2.000 euros para a organización deste encontro sobre o lobo, grazas ó cal “foi posible reducir o custe das cotas para os participantes, abrindo o Congreso a moita xente”. De feito, xa son máis de 250 as solicitudes recibidas, as cales superaron todas as expectativas.
Cabana tamén aproveitou para agradecer a colaboración que presta a Fundación TIC, que gravará a totalidade das máis de 70 ponencias que se presentarán, para a súa posterior difusión a través da páxina web do Congreso.
Prazas libres
O III Congreso Ibérico de Lobo, patrocinado pola Deputación de Lugo, conta entre os seus organizadores coa Asociación Galega de Custodia do Territorio, a Sociedade Española para la Conservación y Estudio de los Mamíferos, o Grupo Lobo Portugal, ASCEL; Arena Empresa, CIVIO e a Universidade de Santiago de Compostela.
O Congreso celebrarase entre os días 23 e 25 de novembro na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo e malia o seu éxito de convocatoria, aínda é posible facerse con algunha das prazas, cumprimentando a súa solicitude na web www.iiicongresolobo.org. Para todos aqueles alumnos da USC que asistan ó mesmo, concederáselles un crédito de libre configuración.























A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).
Durante tres días desfrutan dun programa intenso de actividades na natureza: montaxe e desmontaxe do campamento, surf en Esteiro, tiro con arco, xincana e diversos xogos. A iniciativa está promovida polas Concellerías de Xuventude e Deporte xunto coa Oficina de Información Xuvenil.
Olimpia López, supervisou hoxe en Cospeito un control da campaña de velocidade da DGT, que busca previr sinistros nun verán de maior tráfico. Lembrou que a velocidade inadecuada está presente no 22 % dos accidentes mortais e apelou á responsabilidade dos condutores: cada km/h conta para salvar vidas.
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.
Estiveron acompañados polas técnicas de xuventude Mónica López Sanjurjo e Silvia Rodríguez Barreiro, para gozar das diferentes piscinas e tobogáns deste parque acuático. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa Verán a Tope en Xove 2026.
O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
O evento, organizado pola Asociación Cultural Xuvenil O Castelo reuniu a numerosos veciños e visitantes e celebrouse durante catro días. A programación incluíu actuacións musicais, actos relixiosos, xogos tradicionais e unha comitiva da camións, coches e motocicletas que percorreron todas as parroquias deste concello mariñán.



