FEGATEA CONCEDE O PREMIO Á ANIMACIÓN TEATRAL AO PROXECTO BUXIGANGA
Lugo, 17 de novembro de 2012. A Xunta Directiva de Federación Galega de Teatro Afeccionado acordou, por unanimidade, concederlle o Premio FEGATEA á Animación Teatral, na súa segunda edición, ao Proxecto Teatral Buxiganga da Excma. Deputación Provincial de Lugo, pola súa ampla repercusión no eido da cultura teatral en xeral e do teatro afeccionado en particular na provincia de Lugo.
A FEGATEA, que agrupa a arredor do 60 grupos de teatro amador e asociacións culturais de toda Galicia, convoca este premio de carácter honorífico bianualmente. A súa finalidade é recoñecer o labor a prol do teatro dunha persoa, colectivo ou entidade.
Neste sentido a Xunta directiva da FEGATEA considerou que o Proxecto Buxiganga, a pesares da súa curta traxectoria, é xa un proxecto consolidado que, dende o ano 2009, ven achegando o teatro a poboacións pequenas que acostuman a quedar fóra dos circuítos habituais de programación cultural, impulsando a mellora dos espazos e das infraestruturas, estimulando a formación e incentivando a creación de novas asociacións e grupos de teatro amador.
A entrega do Premio terá lugar o día 9 de decembro, nun acto público, na cidade de Santiago de Compostela.