Cervo entrega os cheques das axudas ao transporte cos que reparte 1.800 euros entre 12 beneficiarios
-Cada estudante recibe 150 euros como complemento para os gastos de transporte
-A Coruña, Santiago, Viveiro e Burela son as cidades e localidades nas que estudan moitos dos receptores da axuda
Cervo, 26 de decembro de 2012-O alcalde de Cervo, Alfonso Villares e a edil de Educación, Pilar Armada, entregaron hoxe os cheques das subvencións ao transporte escolar correspondentes ao curso 2011-2012 destinadas a cervenses que cursan estudos fóra do municipio. En total, o Concello repartiu 1.800 euros entre 12 alumnos. Cada un deles recibiu un pagamento único de 150 euros que ten como obxectivo axudar a sufragar os gastos de desprazamento ás vilas ou cidades nas que estudan.
Nesta convocatoria, os destinos principais dos estudantes beneficiarios son cidades galegas como Santiago ou A Coruña, así como as vilas mariñás de Viveiro, Ribadeo e Burela. Tamén existe un caso dunha alumna que estuda na cidade valenciana de Alcoi. En canto aos estudos, están repartidos case a partes iguais entre ciclos superiores e graos universitarios, aínda que tamén hai un caso dun alumno que cursa Bacharelato de Artes.
Esta é unha achega complementaria para os fogares cervenses que está financiada ao 100% con fondos municipais e que conta cunha partida propia nos presupostos. Unha subvención que segue a liña doutras axudas que outorga a administración local no eido escolar, como as achegas para a adquisición de libros e material escolar ou ás entidades educativas.
Este é o terceiro ano no que o Concello reparte esta subvención, que está destinada a aqueles alumnos cervenses que saen fóra do concello a estudar ensinanzas postobrigatorias ou superiores, sempre que eses estudos non se atopen entre a oferta educativa do municipio e se impartan en centros sustentados con fondos públicos.
En concreto, na convocatoria incluíase Bacharelato na modalidade de artes, Formación Profesional de grao medio e superior, ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño de grao medio e superior, ensinanzas deportivas de grao medio e superior, ensinanzas universitarias, artísticas superiores ou impartidas en conservatorios de música.
“Para nós, dende o Concello, é unha satisfacción poder seguir entregando estas axudas para, dalgún xeito, contribuír con esas familias que fan un esforzo para que os seus fillos poidan continuar os seus estudos” explica a edil, Pilar Armada. “Nesta ocasión benefícianse máis dunha decena de familias, pero agardamos que nas seguintes convocatorias se acollan máis beneficiarios para poder repartir un maior número de cheques entre os estudantes que cumpran todos os requisitos”.