CONTINÚA CON ÉXITO O IMAXIÑA 2012
>>> O centro ribadense Gamallo Fierros pechará o 17 de decembro os obradoiros de fotografía, stop motion e vídeo, promovidos por Imdecum
Luns 3 de decembro. O Festival Audiovisual da Mariña Imaxiña 2012 continuará con éxito esta tarde dando o salto a Ribadeo, ao IES Dionisio Gamallo Fierros; o alumnado de 4º da ESO descubrirá as marabillas do mundo da imaxe na compaña do fotógrafo focego Xulio Villarino e da productora A Caixa Escura.
O presidente da Fundación Imdecum, Marcelino Luna, congratulouse da “excelente acollida da segunda edición de Imaxiña entre a xuventude da comarca”. “É unha experiencia moi gratificante para a nosa entidade. A inmellorable resposta que atopamos en todos os centros anímanos a darlle continuidade á iniciativa; o vindeiro ano poderemos levalo a máis institutos da bisbarra”, dixo Luna.
O certame, que conta co apoio da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, xa percorreu outros tres centros da bisbarra, dende comezos de novembro, co firme propósito de poñer en marcha un contorno de motivación artística e creación audiovisual: o Monte Castelo, de Burela, o Marqués de Sargadelos, de San Cibrao, e o Vilar Ponte, de Viveiro. O instituto ribadense pechará esta primeira fase do festival, de obradorios de fotografía, stop motion e vídeo, o 17 de decembro.
Dende A Caixa Escura, Andrea González destacou “a implicación e as ganas coas que os rapaces acolleron os obradoiros, ademais de que tamén conectaron moi ben con Xulio Villarino”. “En todos os centros se viu que hai unha boa canteira de futuros creadores e artistas; os rapaces puideron escoller o taller e facer traballos propios nos que estiveron moi involucrados, aprenderon e se divertiron” explicou a representante da produtora que coordina a actividade.
Concurso. O estudantado dos catro institutos poderá dar renda solta á súa creatividade e imaxinación a través do concurso final, nas categorías de fotografía e vídeo, ata o 21 de decembro, cunha cámara fotográfica como recompensa para os gañadores/as. Marcelino Luna animou “a todo o alumnado a participar neste atractivo concurso, así como no acto de entrega de premios, o día 28, xornada na que tamén se exporán unha compilación dos traballos presentados”. “Xa hai proxectos rematados que prometen moito” coincidiron en puntualizar o presidente de Imdecum e Andrea González.
A través da páxina de Facebook da Fundación Imdecum pode seguirse a actualidade do Imaxiña 2012