RAQUEL ARIAS DESTACA A “VERTENTE SOCIAL E DE REEQUILIBRIO TERRITORIAL” DOS ORZAMENTOS DA XUNTA EN LUGO, Á CABEZA EN CANTO A INVESTIMENTO PER CÁPITA NA COMUNIDADE GALEGA XUNTO CON OURENSE
Lugo, 29 de decembro de 2012.- “Os orzamentos para o ano 2013 da Xunta de Galicia inciden na vertente social e de reequilibrio territorial que definen ao actual Executivo galego”. Así o expresou hoxe a delegada territorial de Lugo, Raquel Arias, ao lembrar que “case 8 de cada 10 euros destinaranse a gasto social” e Lugo “está á cabeza de investimento per cápita xunto con Ourense”.
Arias explicou que a suma dos investimentos da administración xeral e dos entes dependentes supón que o gasto por habitante na provincia de Lugo será o vindeiro ano de 767 euros, xunto coa provincia de Ourense (778 euros) a que máis recibe neste concepto na comunidade, mentres que á de Pontevedra se destinará 538 euros e á de A Coruña 503. Isto é, priorizan o gasto por habitante en Lugo e Ourense, ás que asignan un 50% máis de recursos que ás provincias atlánticas.
Polo que respecta á distribución dos investimentos, a delegada destacou que “nunca o gasto social tivo tanto peso nuns orzamentos da Xunta, xa que o 77% da totalidade do gasto diríxese a blindar os servizos públicos esenciais da sanidade, educación e servizos sociais ou, o que é o mesmo, a garantir os piares do Estado do Benestar”.
Xunto con estes investimentos, Arias subliñou tamén o peso específico que para a provincia de Lugo terán as actuacións de Medio Rural e do Mar, a consellería máis inversora na provincia que, con máis de 77 millóns de euros, desenvolverá programas de impulso á industrialización e comercialización no sector agrogandeiro e pesqueiro e promoverá accións de xestión dos recursos mariños, á vez que levará a cabo plans de axudas ás explotacións agrarias e de posta en valor do sector forestal. Neste sentido, cómpre destacar o plan para a incorporación de mozos á actividade agrogandeira, das que a provincia de Lugo se beneficiará nunha parte importante da dotación de 4,7 millóns de euros consignada.
“Os investimentos da Xunta apostan polo sector primario e polo rural en xeral, porque ten potencial para xerar riqueza e ser motor de prosperidade na provincia”, aseverou Arias, quen lembrou que este ano culminará o Plan de Banda Larga, cuxo despregamento comezou nesta provincia, para o que se destinarán máis de 22 millóns de euros a dotar de acceso a internet á práctica totalidade do territorio galego ao remate do exercicio.
En materia de infraestruturas, os orzamentos permiten dar continuidade ou rematar as grandes obras que se atopan en marcha na provincia de Lugo, tanto en materia de estradas, como en obras hidráulicas, vivenda ou equipamentos públicos.
No que atinxe ás infraestruturas viarias, cabe destacar tamén os 5,4 millóns de euros para as obras da vía de alta capacidade entre Monforte e Sarria, mentres que a vía de altas prestacións da Costa Norte (Ferrol-San Cibrao) recibe unha inxección económica de algo máis de 7 millóns de euros para avanzar na execución desta estrada.
Realizaranse, así mesmo, importantes obras de infraestruturas hidráulicas, como a ETAP de Monforte (740.000 euros), o emisario submarino en San Cibrao (1,07 millóns) ou a EDAR de Ribadeo (820.000 euros).
Raquel Arias cualificou os orzamentos da Xunta como “realistas”, porque asumen unha caída dos ingresos que remiten a capacidade de gasto aos niveis do ano 2006, e “eficientes”, dado que avanzan na contención do gasto corrente, que diminúe o dobre que o presuposto de investimentos e capital.