O ALCALDE FALA DE “MANIPULACIÓN POLÍTICA” NESTE ASUNTO
O Concello presentou recurso de reposición diante da Consellería de Traballo e Benestar Social para que revise o expedente de solicitude do taller de emprego “Ribadeo Conserva”. O equipo de goberno asegura que se cumpriron todos os condicionantes requiridos na orde da convocatoria e agarda que dito recurso se resolva de xeito favorable.
O recurso de reposición presentado polo Concello de Ribadeo diante da Consellería de Traballo e Benestar Social ten coma obxectivo “que se acorde a retroacción do expedente e da notificación correspondente e se resolva favorablemente a concesión a este Concello do obradoiro de emprego Ribadeo Conserva por terse cumprido con todos os condicionantes requiridos na orde da convocatoria”.
O alcalde, Fernando Suárez, insiste en que “estamos diante dun claro caso de manipulación política”, e subliña que “non existen razóns técnicas para que Ribadeo non conte con ese taller de emprego”.