O PSOE de Lugo porá en marcha a oficina parlamentaria itinerante e reunións comarcais cos deputados
Os representantes no Congreso e o Senado, José Blanco e Ricardo Varela, desprazaranse cada semana a unha comarca da provincia para atender as demandas dos cidadáns relacionadas coa administración e o Goberno de España
Esta medida súmase á acordada na reunión da Executiva provincial desta semana de celebrar reunións entre os deputados autonómicos e provinciais de cada comarca coa fin de coordinarse para atender os problemas de cada zona
O senador Ricardo Varela anunciou hoxe que o PSdeG-PSOE de Lugo porá en marcha neste mes de xaneiro a oficina parlamentaria itinerante, de modo que os representantes no Senado e no Congreso, tanto el mesmo como o deputado José Blanco desprazaranse, cada semana, a unha comarca da provincia coa fin de estar a disposición dos cidadáns dos distintos territorios, para atender as cuestións relacionadas coa administración e o Goberno de España que queiran transmitirlles. Esta oficina parlamentaria itinerante nace no marco das novas iniciativas que está a levar a cabo o PSOE en todo o Estado. Ademais, a Executiva Provincial de Lugo, presidida polo secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, decidiu na súa xuntanza desta semana levar a cabo reunións de coordinación entre os deputados autonómicos e provinciais de cada comarca, coa fin de atender dun xeito máis eficaz as demandas dos veciños en cada zona.
A iniciativa da oficina parlamentaria itinerante ten como obxectivo facilitar o acceso dos cidadáns da provincia aos representantes no Congreso e o Senado, a fin de acercar o máis posible as institucións aos veciños. Ten tamén a intención de coñecer máis de preto as denuncias, queixas ou demandas que os lucenses poidan ter respecto ao funcionamento do Goberno, e trasladar cando sexa posible, a través de iniciativas parlamentarias, as inquietudes dos cidadáns. Os parlamentarios atenderán os cidadáns nas oficinas do partido, en data e hora que serán comunicadas a través dos medios de comunicación e a páxina web do partido.
As reunións comarcais dos deputados autonómicos Carlos González Santín, Concepción Burgo, Vicente Docasar e José Ramón Val, que teñen asignados cadanseus territorios, xunto cos deputados provinciais do partido en cada zona son unha proposta de Gómez Besteiro aprobada na Executiva para cumprir coas demandas dos militantes no encontro Partido Aberto, Goberno Aberto, unha iniciativa que se suma aos grupos de traballo da militancia que xa están a ser postos en marcha desde as agrupacións locais para trasladar as ideas e propostas dos socialistas lucenses ao debate autonómico e federal.