Santiago, 26 de febreiro de 2013.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, José Manuel Balseiro lamentou que o PSOE actúe con total descoñecemento da realidade pesqueira cando presenta como unha proposta novidosa algo que vén facendo de xeito habitual: negociar con outros países da UE para intercambiar as cotas respecto de diversas especies pesqueiras.
O parlamentario popular asegura que os socialistas “creron descubrir a pólvora”, pero en realidade non están máis que propoñendo xestións que se veñen facendo de xeito habitual e regular co obxectivo de ver mellorados cos intercambios de cota as posibilidades de pesca da nosa flota.
A NEGOCIACIÓN DO PSOE SEGUE PASANDO FACTURA
Balseiro explicou que a dificultade actual vén motivada porque estes intercambios practicamente só poden facerse con Portugal. Lembrou tamén que aínda que España dispón de máis cotas que o ano pasado, o problema prodúcense trala obrigatoriedade de pagar a sanción por sobrepesca que deriva do ano 2010. “No caso da xarda, estamos pagando as consecuencias dunha mala política de xestión que tiveron fai tres anualidades. É esta sanción a que recorta as nosas posibilidades de pesca”. Balseiro quixo matizar finalmente, que a merma do 25% nas toneladas dispoñibles nesta pesqueiría é unha reserva para negociar con Noruega.
Os populares lamentan que a mala xestión socialista no Goberno de Madrid “siga pasando factura, aínda hoxe” ao sector pesqueiro galego, como consecuencia dunha mala xestión desta pesquería que se fixo de costas ao sector e contra Europa. En contraposición con esta actitude puxo de relevo a xestión do Goberno actual, que busca un modelo de xestión de pesquerías, no que se teña en conta a opinión do sector e que se adecúe coas esixencias normativas vixente en materia de Política Pesqueira Común.
Con todo o PP non se da por satisfeito e nestes momentos os Gobernos de Galicia e de España están presionando ante a UE para que na nova Política Pesqueira Común as claves de reparto sexan máis acordes á realidade da actividade pesqueira española e galega e para que se supere un dos elementos que maior prexuízo provoca á hora do reparto das posibilidades de pesca, como é a aplicación do mal chamado principio de estabilidade relativa.
PROTESTAS
Balseiro amosouse convencido de que o PSOE non coñece as razóns polas que protesta a flota e animou ao seu portavoz do Mar, José Ramón Val Alonso, a falar co sector, cos seus propios veciños da Mariña, para poder enterarse mellor.
“Deste xeito sabería que a flota pesqueira protesta pola aplicación duns regulamentos comunitarios de control que entraron en vigor en 2009 e que foron negociados polo Executivo central socialista, non polo PP” e, polo tanto, que a normativa actualmente vixente é resultado directo dunha mala negociación que ten o selo do partido socialista.