Os representantes das traballadoras e traballadores iniciaron hoxe, 14 de febreiro, ás 8 da mañá un peche no Hospital da Costa que rematará ás 8.00 horas do día 15. Este peche é un dos máis que se están a levar a cabo en tódolos hospitais de Galicia, comezando o 5 de febreiro nos Hospitais de A Coruña, Ourense e Barbanza, seguidos polo peche do día 7 de Ferrol, Monforte, Pontevedra e Cee, hoxe Burela, Santiago, O Barco e o Salnés. O día 18 rematan co peche dos Hospitais de Vigo, Lugo e Verín.
O presidente da Xunta de Persoal no Hospital da Costa, Adolfo Corral, explica que o motivo destas protestas é manifestar o rexeitamento máis enérxico ás políticas sanitarias que dende os gobernos se están a levar a cabo e que se traducen nun continuo desmantelamento da sanidade. Por todo elo, gritan un:
-NON A PRIVATIZACIÓN DA SANIDADE PÚBLICA, non ten cabida o facer negocio coa nosa saúde, coa nosa vida.
-NON A PERDA DE ORZAMENTOS PROPIOS NA ÁREA DA MARIÑA, NON QUEREMOS DEPENDER DE LUGO, tal e como en recentes declaracións de prensa apuntaba a nosa Conselleira Rocío Mosquera.
-NON AO REPAGO DE PRESTACIÓNS SANITARIAS, medicamentos, próteses, ambulancias e demais ocorrencias que irán xurdindo co claro animo de facernos crer que a sanidade non é sostible.
-NON AOS RECORTES ORZAMENTARIOS DE 2 MILLÓNS DE € PARA O NOSO HOSPITAL E DE 12 MILLÓNS DE € PARA A ATENCIÓN PRIMARIA, que se traduce na perda de calidade asistencial e no empobrecemento da nosa comarca
-NON AS PROMESAS INCUMPRIDAS DE AMPLIACIÓN DO NOSO HOSPITAL, ano tras ano veñen mentíndonos cun proxecto de ampliación, ao tempo que orzamentan para este ano 50.000 € para infraestruturas. Con isto temos claro que como moito, mercarán un novo Barracón para unir aos dous xa existentes.
-NON A FALTA DE CONTRATACIÓN DE PERSOAL , cando a través dos medios de comunicación faise público o colapso que vive o noso Hospital e non se reforzan as plantillas de persoal. Resaltar que este o bo funcionamento deste Centro, débese ao esforzo dos traballadores e traballadoras e non as políticas de destrución de emprego postas en marcha por esta Xerencia
-NON AOS RECORTES SALARIAIS E DE CONDICIÓNS DE TRABALLO, que fan que os e as profesionais acumulasen en 5 anos unha perda retributiva do 30% nuns salarios xa de por si, moi por debaixo da media Europea.
-NON AO DESPRESTIXIO DA SANIDADE PÚBLICA PROMOVIDO DENDE O GOBERNO que vemos como difunden mensaxes despectivos para coas empregadas e empregados públicos e oratorias perversas de que a privatización da sanidade é mais barata e mais rendible.
Ademais, ás 11. 30 horas, fíxose unha concentración na que participou persoal do Sergas e usuarios do sistema.