O secretario xeral do PSdeG-PSOE en Lugo e candidato a encabezar o partido en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, vén de anunciar no seu perfil en Twitter (@jrgomezbesteiro) que, tal e como xa adiantara publicamente, comezará a visitar todas as comarcas de Galicia para escoitar e coñecer de primeira man o que pensa a militancia e construír un proxecto de suma para o futuro. “Esta semana empezo a visitar todas as comarcas e a escoitar á militancia do @PSdeG. O mércores, coa Agr. Local de Santiago. #Falamos?”, escribiu esta mañá o socialista na rede social. Gómez Besteiro seguirá a manter contactos estes días para pechar novos encontros no resto de agrupacións do territorio galego.
Gómez Besteiro cumpre así o seu anuncio de “empezar a traballar” despois de transmitir de forma oficial a súa candidatura diante dos seus compañeiros e compañeiras no último Comité Nacional do partido –o máximo órgano entre congresos-, celebrado hai escasos días en Compostela. O socialista tamén ratificou, tras o Comité, a súa intención de visitar as agrupacións “respectando e comunicándollo ás estruturas do partido en cada unha das provincias” para buscar “unidade e fortaleza”, actuando sempre “con transparencia e procurando a participación”. O obxectivo, dixo, é construír “un partido que lle sexa útil á cidadanía”, nun proceso que cualifica de “emocionante e ilusionante”.
Deste xeito, o socialista leva a Galicia a idea de contacto e traballo coas bases que está a realizar nas comarcas e agrupacións da provincia desde a secretaría xeral de Lugo. Este compromiso tivo ata agora como principal cita o encontro coa militancia Partido Aberto, Goberno Aberto, celebrado o 15 de decembro na Facultade de Veterinaria, no que transmitiu a súa intención a optar á secretaria xeral do PSdeG ante cerca dun milleiro de militantes.
José Ramón Gómez Besteiro, avogado e natural de Lugo, é militante do PSdeG desde hai 20 anos. Comezou desde abaixo, botando unha man na Agrupación Local de Lugo en todo o necesario, e antes de que o partido lle pedira que fora de número 4 na lista do Concello.
A pesar dos pésimos prognósticos electorais, os socialistas gañaron a Alcaldía de Lugo. Foi entón cando tivo que facerse cargo da Concellería de Urbanismo e Rehabilitación ademais de converterse no voceiro do equipo de goberno. Besteiro foi responsable neses anos da Agrupación Local de Lugo, xa que era o Secretario Xeral. No 2007, e de novo, tras 24 anos de goberno do Partido Popular, optou ó posto de Presidente da Deputación de Lugo, converténdose no primeiro mandatario provincial socialista na historia da institución. No 2011 os socialistas volveron renovar a vitoria electoral e hai tan só dez meses tivo que mudar a Secretaría Xeral da Agrupación Local de Lugo pola Secretaría Provincial, un posto no que obtivo o máximo respaldo de todos os seus compañeiros.