O Concello tamén entregou agasallos aos 12 socios da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental “A Mariña” que participaron no certame
Cervo, 27 de marzo de 2013-A Concellería de Xuventude deu hoxe a coñecer o nome do gañador do I Certame de cartas e poesías de amor na rede “Amor en Twitter” que fora convocado no mes de febreiro con motivo da celebración do Día dos Namorados. O vencedor foi Jacobo Casal, veciño de Espiñerido de 32 anos, que convenceu ao xurado co tuit: “Un violín de ausencias derrubará a nosa amurallada voz de faro e estrela: quérote, sen prosa, con loucura cega e ata a miña propia médula…”, que xa foi publicado nas redes sociais do Concello de Cervo tal e como se establecía nas bases do concurso.
O gañador recolleu o premio da man da edil de Xuventude, Yolanda Pedreira, que felicitou ao galardoado “por ser quen de concentrar sentimentos nunha declaración de amor tan breve, de só 140 caracteres”, os que permite a rede social Twitter. O premio consistiu nunha cea para dúas persoas nun restaurante do municipio.
Ao mesmo tempo, Pedreira entregou agasallos a 12 persoas da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental “A Mariña” que tamén concorreron a este certame coas súas mensaxes de amor. A edil deulles as grazas a todos por ter participado e convidounos a “seguir escribindo e realizando tarefas deste tipo que resultan moi proveitosas para o desenvolvemento intelectual”. Ademais, a edil quixo agradecer publicamente a todos os participantes desta primeira edición do certame por ter “achegado as súas declaracións de amor, todas elas sentidas, e creativas”.