Lugo, 19 de marzo de 2013. O delegado da Área de Cultura e Turismo, o nacionalista Mario Outeiro, así como o presidente da Escudería Miño, Carlos Íñiguez, presentaron na mañá de hoxe, no salón de actos do Pazo de San Marcos una nova Xuntanza do Automobilismo Lucense, que na súa quinta edición terá lugar o vindeiro sábado día 23 de marzo durante toda a tarde no Pazo Provincial dos Deportes de Lugo e a súa explanada de aparcadoiro. Na presentación desta V Xuntanza do Automobilismo Lucense tamén estiveron os irmáns Vallejo, os irmáns Burgo e Adrián Díaz cos seus vehículos de competición na praza de San Marcos.
Esta actividade, que segundo Mario Outeiro “pretende poñer en valor o deporte do motor, así como resaltar a relación social que une a pilotos, copilotos, mecánicos, a multitude de axudantes e colaboradores e a toda a grandísima afección que fan posible a realización de moitos eventos ao longo de todo o ano”, está organizada de novo pola Escudería Miño coa colaboración da Área de Deportes da Deputación de Lugo.
Tal e como indicou Mario Outeiro, “este evento permite que entren en contacto a moitas persoas do mundo do motor, que poñen en común as súas experiencias e crean lazos de unión nun día máis festivo que competitivo e no que tamén senten o apoio de toda a afección. Tamén é un día de presentación dos novos pilotos que tomarán a saída durante a tempada polo que constitúe unha importante oportunidade para darse a coñecer. Somos conscientes de que o mundo do motor move moita xente en Lugo e isto é unha xornada por e para eles. Desde a Área de Deportes da Deputación de Lugo, a colaboración co mundo do motor abrangue a todas as partes: cos equipos e escudarías a través da liña de axudas en concorrencia competitiva, cos pilotos a través das axudas para deportistas individuais e de maneira concreta no patrocinio das diversas probas que se celebran por toda a nosa xeografía”.
Esta nova edición da Xuntanza do Automobilismo Lucense vai ofrecer a todas as persoas que se acheguen ao Pazo de Feiras e Congresos a posibilidade de ver de preto, durante a mañá e toda a tarde do vindeiro sábado, a máis de 40 equipos cos seus vehículos e todo o equipo técnico dos equipos lucenses de rallys de asfalto, de montaña, todoterreo, históricos, velocidade e slálom de cara á nova tempada que comeza. A partires das 10 da mañá os equipos xa terán montado os seus stands nas inmediacións do Pazo e estarán abertos á visita do público e prensa. Entre as 16:30 e 17:00 horas as autoridades visitarán os diversos equipos e xa a partires das 17:00 horas os vehículos realizarán a súa presentación e un slálom espectáculo.
Pola súa banda, Carlos Íñiguez, presidente da Escudería Miño, que organiza o evento, agradeceu o traballo que está a realizar a Deputación á hora de promover o deporte do motor en Lugo e brindar oportunidades coma estas para que os equipos pequenos se dean a coñecer de cara ao inicio da tempada. Son máis de 40 os pilotos que están inscritos ata o momento aínda que na provincia hai arredor de 70/80 pilotos, só que a estas alturas aínda moitos equipos están a realizar a súa preparación e adquirindo os últimos equipamentos, polo que non poden participar aínda nesta xuntanza do motor.