Cando o paro no Estado español e en Galiza atinxen o seu record histórico o goberno Rajoy saca da manga unha “Estratexia de emprendemento e emprego xuvenil 2013-2016”. Máis un deses plans estéticos cos que se pretende xerar a sensación de que se toman medidas para resolver problemas.
As cen medidas recollidas no plan, que aseguran contará cun orzamento de 3.500 millóns de euros financiado en parte polo Fondo Social Europeo, concéntranse en apenas dúas grandes liñas de actuación.
Dunha banda a promoción empresarial, iso que agora chaman estímulo ao emprendemento, que non é outra cousa que colocar como principal saída laboral o traballo por contra propia e a creación de novas empresas. Este pretenso dáse de morros contra a dura realidade marcada pola continuada desaparición de pequenas e medianas empresas –por mor da queda do consumo provocada precisamente polas políticas de recortes e empobrecemento salarial impostas polo PPSOE– e polo esmorecemento dos principais sectores produtivos, nomeadamente o agrario e máis o industrial. Para axudar a unha mocidade que se ve privada de oportunidades e posibilidades, quer para traballar quer para estudar, o goberno do PP ofrece fórmulas ridículas como a capitalización do 100% da prestación por desemprego (quen a tiver) para inverter “nunha sociedade mercantil coa que se teña un contrato indefinido” ou a súa compatibilización durante nove meses coa apertura dun negocio.
Por outra, insístese na antisocial e fracasada fórmula dos incentivos, descontos e bonificacións empresariais que só benefician ao patronato. A conversión de contratos temporais a indefinidos no caso de menores de 30 anos sen experiencia laboral suporalle ás empresas un incentivo de até 700€ anuais. Bonifícanse tamén os ultraprecarios contratos de prácticas con descontos de até o 50% nas cotas empresariais á seguridade social. Porén, unha das medidas máis graves e prexudiciais é a que permitirá ás ETTs formalizar contratos para a formación e aprendizaxe. Unha modalidade impulsada na última reforma laboral que favorece a explotación, ao permitir que as mozas e os mozos poidan ser “aprendices”, con menores salarios, até os 33 anos. As PEMES xa ficaban arestora exentas de pagar cotas de seguridade social das e dos “aprendices”.
Debullar as medidas que veño de sinalar, como mostra doutras moitas, deixa ás claras que este plan en realidade non axudará a crear emprego para a xente nova, senón que unicamente alargará aínda máis o réxime de total precariedade que padece a mocidade traballadora. Ningunha destas medidas axudará a evitarmos a nova vaga de emigración forzosa, que cada día expulsa a 70 mozas e mozos do noso país. Nin a reducir unha taxa de desemprego xuvenil moi próxima ao 50%. Nin a reverter a temporalidade estrutural, a contratación a tempo parcial e outras formas de subemprego. Nin a poñer fin ao drama contrahistórico de que as novas camadas que se incorporan ao mundo do traballo o faga con menos dereitos e cobrando menos polo mesmo traballo que a xeración anterior.
O único beneficiado é o empresariado a quen se lle abarata, máis unha vez, o custe da forza de traballo moza. O facto de que os máximos dirixentes de CCOO e UGT participen na presentación oficial desta fraude antisocial, con Rajoy como mestre de cerimonias, volve evidenciar o modelo de sindicalismo que practican.
Xabier P. Igrexas
www.contradiscurso.net | @contradiscurso


















Estes recitais, protagonizados por músicos da contorna, nunca defraudan. Sen grandes nomes internacionais, pero cunha sensibilidade musical exquisita, ofrecen sempre unha experiencia artística de gran calidade. Por iso, quen asista gozará dunha nova xornada dentro do Programa Adral, que a Xunta de Cofradías promove con tanto entusiasmo.
O Concello destaca a oportunidade que supón para impulsar a hostalaría local e felicita ás persoas galardoadas pola súa contribución á gastronomía asturiana.
Este texto é o froito de varios anos de investigación e convida profesionais da educación, terapeutas e persoas curiosas a descubrir como o traballo coa arxila libera traumas e favorece unha transformación persoal profunda. Ao remate do acto servirase un viño e un pequeno petisco.
A continuación, as persoas que desexen continuar a conversa e compartir un tempo de convivencia poderán anotarse á comida que se celebrará na Casa da Penela.
Pasados dez minutos das 15 horas deste martes, un particular alertou ao 112 Galicia dun coche envorcado fóra da vía en San Martiño de Ferreiros, Pol. Aconteceu no quilómetro 3 da LU-750, e a única persoa implicada permanecía atrapada no interior. De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Vilalba, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros actuaron para liberar á persoa, que foi evacuada en ambulancia polos profesionais sanitarios desprazados ata o lugar.
Unha comedia orientada para público infantil escrita e dirixida por Bea Campos. Hora: 18h.
O investigador achegarase a Ribadeo para falar sobre Urraca, considerada por moitos a emperatriz de todos os galegos e galegas. A entidade xa coñece o bo facer de Picallo, pois en anteriores ocasións participou como ilustrador nas presentacións das novelas Ao sur da liberdade e Entre a vontade e o destino, de Xosé Henrique Costas, deixando unha excelente impresión. Nesta ocasión, o público poderá escoitar ao Picallo historiador, que achegará novos datos sobre o reino de Galiza, unha realidade histórica que durante anos permaneceu agochada e que hoxe se recupera grazas a publicacións e investigacións como a súa.



