• Os veciños queixanse da imposición de multas ata por realizar paradas con tempo limitado para a realización de certas compras
• O PP de Mondoñedo denuncia o incremento de sancións en materia de tráfico impostas polo goberno local sen ofrecer alternativas para o estacionamento
• Os populares lamentan que esta xestión ditatorial e restritiva do bipartito estea a coartar o comercio local e a incidir de forma negativa no turismo de Mondoñedo
• Inclusive, os veciños chegan a denunciar un trato discriminatorio na imposición deste gravamen
Mondoñedo, 28 de marzo de 2013- O Partido Popular de Mondoñedo denuncia o incremento de sancións en materia de tráfico impostas por un goberno local que non ofrece alternativas para o estacionamento, e que esta a asfixiar aos veciños e ao comercio e turismo local. Ata o punto de que os populares lamentan que a política sancionadora en materia de tráfico se está a converter nun imposto revolucionario para os comercios e a economía locais.
Así mesmo e segundo aseguran os populares, foron varios os veciños que denunciaron imposicións de multas por realizar soamente paradas por tempo moi limitado, para a realización de certas compras.
Esta forte oleada de multas está a xerar malestar na xente, que chegan a trasladarlle ao grupo popular un trato discriminatorio na imposición deste gravamen, en función da amizade e a vinculación partidista cos membros do equipo de goberno.
Esta críticas postas de manifesto por varios mindonienses serán seguidas de cerca polo Partido Popular, co obxecto de coñecer a realidade e tentar velar polos intereses de todos os veciños que sufragan de maneira igualitaria os impostos.
Dende o Partido Popular de Mondoñedo lamentan que esta xestión ditatorial e restritiva do bipartito estea a coartar o comercio local e a incidir de forma negativa no turismo de Mondoñedo.
Ante esta situación, os populares citan decisións do bipartito que repercuten para mal no día a día dos veciños. É o caso dos acometidos realizados no entorno da catedral, que inutilizaron zonas de estacionamento sen habilitar alternativas onde os veciños podas deixar os seus vehículos.
O Partido Popular asegura que a problemática ocasionada pola falta de aparcadoiros se acrecenta nos días de mercado, coa imposibilidade de estacionar na praza da catedral.
Dada esta circunstancia, o grupo popular instou ao goberno en varias ocasións propoñéndolle posibles zonas nas que habilitar aparcamentos e que ata o día non foron xestionadas polo bipartito. Esta situación, segundo os populares, trátase dunha mostra máis de autoritarismo e ineficacia dun goberno local que de maneira reiterada desoe as peticións dos veciños, castigándoos con sancións económicas, sen ofrecer alternativas ao respecto.